Saúde

En que Estados europeos se respira máis ar tóxico? En cales é o ar máis limpo?

A boina de contaminación de Madrid en 2022. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
As partículas PM2.5 son produto principalmente da queima de combustíbeis fósiles, o tráfico, a industria, a calefacción doméstica e a agricultura.

Europa enfróntase a unha grave crise de saúde pública, xa que 98 % das persoas do continente respiran ar perigosamente contaminado con partículas finas (PM2.5) que poden pasar a través dos pulmóns e chegar ao torrente sanguíneo, afectando case todos os órganos do corpo, segundo unha investigación de The Guardian. As PM2.5 son produto principalmente da queima de combustíbeis fósiles, o tráfico, a industria, a calefacción doméstica e a agricultura.

Cifras alarmantes

O estudo do medio británico revelou que o país máis afectado de Europa é Macedonia do Norte, onde case dous terzos dos seus residentes viven en zonas que superan máis de catro veces as pautas da Organización Mundial da Saúde (OMS) para PM2.5. Ademais, estímase que catro áreas da nación presentan unha contaminación de ar case seis veces maior á norma, incluída a capital Skopje.

As directrices actuais da OMS estipulan que as concentracións medias anuais das PM2.5 non deben exceder os cinco microgramos por metro cúbico.

No que se refire ao resto de Europa do leste, a investigación indica que case todos os residentes de Serbia, Rumania, Albania, Polonia, Eslovaquia e Hungría presentan o dobre de concentracións de PM2.5 das marxes recomendadas pola axencia de Nacións Unidas. Estímase que en xeral a situación nesta parte do continente é peor que en Europa Occidental, excepto Italia. Neste país as áreas máis afectadas son as zonas no norte, onde o aire contén unha concentración de PM2.5 catro veces maior que as normas da OMS.

Mentres, tres cuartas partes da poboación de Alemaña viven en áreas onde a contaminación do aire con partículas finas duplica os límites. Mentres que no Estado español, a cifra alcanza 49 % e en Francia, 37 %. A situación no Reino Unido non é moito mellor: tres cuartas partes da poboación están expostas a niveis de PM2.5 que son entre unha e dúas veces maiores que as normas, e case unha cuarta parte supera este límite máis do dobre.

Os expertos afirman que as PM2.5 causan ao redor de 400.000 mortes ao ano en toda Europa. "Esta é unha grave crise de saúde pública", manifestou o profesor de epidemioloxía ambiental da Universidade de Utrecht, Roel Vermeulen, quen dirixiu o estudo "O que vemos con bastante claridade é que case todo o mundo en Europa respira ar nocivo para a saúde", concluíu.

Onde se respira ar limpo?

Os especialistas determinaron que só 2 % da poboación europea vive en áreas libres de contaminación nociva. Entre os países menos afectados están Islandia, Noruega e Finlandia, así como Suecia, onde non hai ningunha zona que alcance máis do dobre da norma de Nacións Unidas de concentración de partículas finas.

Ademais, o norte de Escocia atópase entre as poucas zonas en Europa que conserva niveis de contaminación do aire por baixo da marxe estabelecida.