Que concellos da Galiza afectados polos incendios entrarán na declaración de zona catastrófica?

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, durante unha visita ao concello valenciano de Bejís, afectado polo lume. (Foto: Europa Press)
O Congreso votará esta quinta feira a convalidación do real decreto lei sobre incendios forestais.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou na mañá desta segunda feira que o Consello de Ministras e Ministros de mañá aprobará a declaración dos concellos afectos por "grandes incendios" este verán no Estado español como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, tamén coñecidas como zonas catastróficas.

Durante a visita á área afectada polas lapas no concello valenciano de Bejís, Sánchez, que estaba acompañado polo ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, adiantou esta medida.

Porén, o titular do Executivo estatal non precisou cales serán os criterios escollidos para decidir que zonas afectadas por "grandes incendios" forestais entrarán dentro desta declaración. Polo de agora, a única medición é a estabelecida polo Ministerio de Transición Ecolóxica, que considera "grandes incendios" aqueles que superan as 500 hectáreas.

No caso da Galiza, 9 son os lumes que superaron esta extensión durante a vaga de incendios deste verán. Entre eles, destacan o do Courel (11.100 hectáreas), Valdeorras (10.500), Vilariño de Conso (7.000), Boiro (2.200), Laza e Chandrexa de Queixa (2.100), e Oímbra (tamén 2.100 hectáreas calcinadas).

Real decreto lei sobre incendios forestais

Sánchez tamén aproveitou para pedir aos grupos parlamentarios que forman parte do Congreso o seu apoio para a convalidación do real decreto lei sobre incendios forestais, que decorrerá esta quinta feira.

Este real decreto, aprobado polo Consello de Ministras e Ministros o pasado 2 agosto, recolle a previsión de reforzar o sistema estatal de protección civil, co obxectivo de mellorar a capacidade de prevención de loita contra os lumes. Esta medida, así como outras que recolle o texto legal, forman parte dos acordos da conferencia de presidentes autonómicos que decorreu na Palma o pasado marzo.

O presidente do Goberno español afirmou que a actual situación climática obriga a redeseñar os dispositivos de prevención e extinción dos lumes, polo que pediu "pór todos os recursos" a disposición destes dispositivos.

Neste sentido, Sánchez fixo un chamamento a todas as formacións políticas para que non leven a cabo "calquera tipo de loita partidista" e apoien un real decreto lei que recolle medidas para facer fronte "a un inimigo común", os incendios forestais.