O PSdeG denuncia a “gran debililidade” do servizo de prevención e defensa contra o lume

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu na sexta feira a Xunta a pedir a declaración de zona catastrófica das zonas afectadas polos lumes forestais. Presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a reformulación do sistema de xestión forestal cun servizo de prevención único, profesional e equipado dependente da Xunta, que conta cos recursos orzamentarios necesarios.

Carmen Rodríguez, en rolda de prensa (Imaxe: Cedida).
photo_camera Carmen Rodríguez, en rolda de prensa (Imaxe: Cedida).

A socialista instou a Xunta a seguir o camiño marcado polos concellos, sinaladamente o do Barco de Valdeorras, e cumpra coas súas competencias para pedir a declaración de zona catastrófica na superficie arrasada polos incendios forestais. Esta fórmula, explicou, “permitiría axilizar as axudas e medios necesarios para os veciños”.

Sinalou que estes incendios puxeron sobre a mesa a “gran debilidade” do servizo de prevención e defensa contra os incendios, “focalizado polo Goberno galego na extinción no canto de adoptar medidas preventivas antes de que comecen os lumes”. Reivindicou un “servizo único, profesional e equipado dependente da Xunta”, que é quen conta cos recursos necesarios.

Explicou que os concellos carecen da capacidade orzamentaria da que si dispón o Goberno galego, que destina cada ano 142 millóns de euros á extinción e prevención de incendios. Engadiu a necesidade de “empregar unha cantidade moito máis importante na prevención que na extinción”, logo de que o informe do Consello de Contas de 2016 sinalara que “debera ser gastado o 87 por cento en prevención e o 13 por cento en extinción, xusto o contrario do que fai a Xunta”.

Ademais de reivindicar a “reformular a xestión forestal”, cargou contra un modelo de extinción “máis propio dos anos 90”. Engadiu que o principal problema dos lumes “radica no abandono absoluto no que se atopa o noso rural, convertido nun territorio improdutivo”.

Iniciativas

A socialista presentou unha batería de propostas “en positivo” para reclamarlle á Xunta que “poña en marcha de forma urxente un plan de recuperación da actividade agrogandeira e forestal fronte ao despoboamento do rural galego”.

Tamén comprende a “profesionalización da loita contra o lume” e “traballos de prevención durante todo o ano”, sinaladamente antes da temporada de alto risco, “incluíndo ademais medidas de concienciación cidadá”.

Urxiu tamén a realizar plans de autoprotección e evacuación dos núcleos de poboación, e actualizar o dispositivo, implantando unha óptima organización dos medios materiais e humanos.

Comentarios