Por que chamou a ONU ao novo dono de Twitter, Elon Musk?

O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).
A primeira medida de Musk foi o despedimento masivo de persoal que xestionaba a rede social.

O Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU, Volker Türk, instou ao novo propietario de Twitter, Elon Musk, a garantir que os Dereitos Humanos sexan fundamentais para a xestión e desenvolvemento da plataforma, despois de que todos os membros do equipo desta área fosen despedidos tras a súa toma de posesión.

"Non é un comezo alentador"

De igual maneira, o representante de Nacións Unidas lembrou que Musk tamén prescindiu de todo o persoal que se dedicaba á intelixencia artificial ética, fóra de dúas persoas, o que destacou que "non é un comezo alentador".

Twitter argumentou os despedimentos masivos e a decisión de fechar temporalmente as oficinas e anular as tarxetas de identificación do persoal dicindo que foron tomadas "para axudar a garantir a seguridade de cada empregado, así como os sistemas de Twitter e os datos dos clientes".

Türk lembrou este sábado nunha carta que o empresario ten "enormes responsabilidades" neste campo debido ao "papel influente da plataforma como espazo dixital", polo que debe comprender os danos asociados á rede social e tomar medidas para abordalos.

Liberdade de expresión

Así mesmo, chamou a Musk a protexer a liberdade de expresión, evitar a amplificación de contido que prexudique os dereitos e a privacidade doutras persoas, e garantir que Twitter non incite a "a discriminación, a hostilidade ou a violencia".

No escrito, tamén puxo en valor as vantaxes e as oportunidades da plataforma que, asegurou, "ten moito que ofrecer á nosa axenda común para un mundo común", aínda que, apuntou que deben ser claros nos requirimentos para facelo realidade.