A normativa non autoriza usos enerxéticos industriais nas áreas de protección das ZEC

Por que a mega central hidráulica do Valadouro incumpriría a lei?

Cabalos ceibos sobre as turbeiras da Serra do Xistral. (Foto:Europa Press).

As dúbidas legais pairan sobre o proxecto para instalar unha central hidráulica de bombeo no Valadouro. Mentres medra a oposición veciñal contra a instalación, expertos consultados por 'Nós Diario' entenden que non se axusta á normativa. A plataforma contra o complexo acordou onte novas medidas.

 

“A central do Xistral incumpre a lei”, sinala a Nós Diario Emilio Díaz, profesor de Proxectos de Enxeñaría na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo de investigación que xestiona o programa “Life in common land”, unha iniciativa promovida pola Deputación de Lugo e as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, cuxo obxectivo é "reverter diversas ameazas que afectan aos hábitats na Serra do Xistral”.

Segundo Díaz, os riscos que  enfrontan os hábitats na Serra do Xistral son “o progresivo abandono dos usos tradicionais, principalmente o pastoreo, o que dá lugar a alteracións na composición e configuración da paisaxe, a ambigüidade e pouca definición nas directrices de xestión ambiental, a degradación dos hábitats ligados á actividade humana, o cambio climático e as difíciles condicións das áreas de montaña que levan a unha perda paulatina da poboación”.

Díaz afirma que a central hidroeléctrica do Valadouro vai situada “sobre tres tipos de hábitats naturais denominados turbeiras altas activas, turbeiras de cobertor activas e breixos húmidos atlánticos, tres tipos de hábitats que se consideran prioritarios, ao estaren ameazados de desaparición na Unión Europea”. Neste sentido, estes terreos requiren dunha especial protección polo seu alto valor, ficando recollido o mesmo na propia normativa ditada polo Goberno galego.

ZEC do Xistral

A zona afectada polo proxecto hidráulico está incorporada á Zona de Especial Conservación (ZEC) do Xistral. As ZEC son áreas de grande interese ambiental para a conservación da diversidade, as cales foron designadas polos Estados membros da Unión Europea para integrarse dentro da Rede Natura 2000. O Decreto 37/2014, de 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria da Galiza e se aproban o Plan director da Rede Natura 2000 da Galiza define esta zona como área de protección e conservación.

O complexo enerxético promovido polo grupo aragonés Atalaya Generación ocupa a denominada área de protección do ZEC do Xistral. Segundo estabelece o Decreto 37/2014, a área de protección busca “asegurar a conservación ou, no seu caso, restauración das paisaxes, ecosistemas, hábitats protexidos e áreas prioritarias para as especies silvestres de fauna e flora para lograr os obxectivos de conservación da Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000” e o “mantemento dos usos tradicionais por parte da poboación local, evitando aqueles que supoñan un risco grave para a conservación ou dinámica dos hábitats naturais”.

Usos permitidos nas áreas de protección

O artigo 68 do Decreto 37/2014 marca que os únicos “usos e actividades autorizábeis” de carácter enerxético nas áreas de protección son “a instalación, reforma ou modernización de pequenas instalacións non industriais de produción de enerxía renovábel (fotovoltaica, solar térmica, biogás autónoma...) destinada ao autoconsumo tanto de particulares como para o servizo das explotacións”. Nese sentido, Díaz entende que “a posta en marcha dunha central hidroeléctrica de bombeo destinada á produción industrial choca coa normativa de aplicación”.

“É evidente que unha actuación deste tipo choca cos usos autorizábeis”, continúa Díaz, que en relación con toda a rede de canalización subterránea prevista na instalación -que nalgúns casos está formada por túneles de 10 metros de diámetro- sinala que “se escavas, destrúes as turbeiras de cobertor, que son uns solos moi finos. Unha actuación deste tipo nestes hábitats é irreversíbel, isto non é céspede, son sistemas moi fráxiles e complexos”. 

Díaz salienta o impacto deste proxecto para as dez comunidades de montes que fan parte do  programa “Life in common land”. Precisamente, unha delas, a comunidade de montes de Vilacampa, parroquia do Valadouro onde está previsto un encoro cunha extensión de 73,2 hectáreas, ten manifestado o seu rexeitamento ao complexo hidroeléctrico polo seu importante impacto económico. A construción da mesma impediríalles continuar coa actividade gandeira que desenvolven.

A asociación de veciños de Recaré tamén fixo pública na xornada de onte a súa oposición á central de bombeo. A entidade, que agrupa a poboación doutro núcleo do Valadouro onde está proxectado un encoro de 49,9 hectáreas, rexeitou por unanimidade o complexo, e prevé desenvolver medidas de protesta contra o proxecto.