Que alteracións causou a vacina contra a Covid-19 no ciclo das persoas menstruantes?

Produtos para a menstruación. (Foto: Europa Press)
Na gran maioría dos casos, desapareceron ao cabo de dous ciclos.

Dous estudos realizados a 3.959 e 19.622 persoas menstruantes respectivamente concluíron que a inoculación de vacinas contra a Covid-19 fai crecer a duración do período, se ben esta alteración é de carácter temporal e acaba revertendo.

O primeiro estudo foi realizado cos datos achegados por 3.959 persoas usuarias da aplicación de seguimento do ciclo menstrual Natural Cycles -2.403 vacinadas e 1.556 non-. Mentres que a primeira dose non provocou ningunha alteración do ciclo menstrual, a segunda dose si tivo como consecuencia un aumento de 0,45 días de duración do período. Cando as dúas doses eran inoculadas no mesmo ciclo, o aumento de duración medio foi de 2,32 días.

O segundo dos estudos, realizado baixo as mesmas premisas, pero nesta caso cunha mostra moito máis ampla -de 19.622 persoas menstruantes, 14.9936 vacinadas-, obtivo resultados moi semellantes. Neste estudo tamén se constatou a abundancia do sangrado dalgunhas destas persoas como un dos síntomas máis habituais. En concreto, 13,6% das persoas observadas rexistrou un aumento do fluxo de sangue na regra posterior á vacinación.

Na gran maioría dos casos do dous estudos, estas alteracións de maior abundancia no sangrado e maior duración do período menstrual desapareceron ao cabo de dous ciclos. Aliás, os investigadores non atoparon ningún dato que indique que unha clase de vacinas cause alteracións e outra non. Por iso, sinalan que a inflamación causada pola resposta inmunitaria pode alterar temporalmente a regulación hormonal e, por tanto, a menstruación.

A comunidade científica segue investigando

Até abril de 2022, o Sistema de Notificación de Eventos Adversos ás Vacinas (Vaers, polas súas siglas en inglés) de Estados Unidos recibiu máis de once mil notificacións de cambios menstruais e hemorraxias vaxinais inesperadas despois de que persoas menstruantes recibiran doses da vacina contra a Covid-19 . O sistema equivalente en Reino Unido (Yellow Card), recibiu máis de cincuenta mil.

A pesar de ser un problema que afecta miles de persoas menstruantes, como os ciclos da regra varían de forma natural, é complicado separar as alteracións que se poden atribuír á vacinación e as que son un cambio propio do corpo. De feito, varios estudos sinalan esta variación, independentemente da vacinación.

Desde que se notificaran os primeiros casos destas alteracións, investigadoras e investigadores de todo o mundo seguen a traballar para descubrir por que ocorre isto. Os dous estudos antes comentados analizan os posíbeis mecanismos que provocarían estas alteracións, de cara a intentar corrixilas.