Os puntos quentes dunha pandemia que continúa mentres a Xunta trata de comunicar "normalidade"

A falla de material de protección é unha constante desde o comezo da pandemia. (Europa Press)
Corenta novos contaxios nas últimas 24 horas. Galiza xa é o quinto territorio do Estado con máis número de persoas infectadas nun só día, só superada por Catalunya, Madrid, País Valenciá e Castela-León.

A comezos da epidemia, demostrouse unha maior resistencia á enfermidade, cunhas taxas de infección na Galiza moi inferiores ás do conxunto do Estado, mais a tendencia mudou de maneira evidente nas dúas últimas semanas. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, a media acumulada de casos nos últimos 14 días na Galiza é de 50,90 por cada 100.000 habitantes.

O ritmo de descenso do número de casos por coronavirus tamén foi menor nas dúas últimas semanas. Así, a Consellaría de Sanidade recoñece 226 persoas hospitalizadas en planta e 37 en UCI, uns números que non presentan cambios significativos desde hai días e que apuntan a un estancamento nas recuperacións. "Estase baixando o número de persoas internadas en planta ou en UCI pero isto non quere dicir que o problema remate. Feixoo está creando falsas expectativas sobre a evolución da pandemia, poñendo por diante os seus intereses electorais e económicos por riba da saúde da xente", sinala a Nós Diario María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector.

O labor da Atención Primaria é decisivo no control da enfermidade e no seguimento das doentes confinadas

"De normalidade nada, todo é anormal neste momento no funcionamento do sistema sanitario. Hai falla de medios para facer fronte a determinadas situacións e ademais as consultas non son presenciais", declara a Nós Diario Xosé María Dios, médico de atención primaria no centro de saúde de Outes. "Feixoo está preparando o caldo de cultivo para o levantamento de estado de alarma tendo en conta que o precisa para convocar as eleccións e neste sentido explícase o seu discurso sobre a normalidade sanitaria", conclúe o tamén secretario de SOS Sanidade Pública, convencido de que Galiza continúa nunha situación de emerxencia sanitaria.

Persoal sanitario consultado por Nós Diario non se amosa optimista sobre a evolución da epidemia e amósase preocupado pola falla de medios do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para responder diante dun novo brote. "O sistema non está preparado para responder a unha nova fase da pandemia. O aumento de camas de hospital e de prazas de UCI é necesaria pero o fundamental é contar con máis persoal para facer fronte á situación", indica Abuín, que demanda "formación específica en materia de coronavirus para as sanitarias e máis medios de protección".

Atención Primaria ao límite

Manuel Martín, médico de Atención Primaria e portavoz de SOS Sanidade, considera que os recursos do Sergas son insuficientes para facer fronte ao escenario provocado polo coronavirus. "O propio Feixoo recoñeceu que os recursos non eran suficientes cando decidiu erguer dous hospitais de campaña nos momentos máis críticos da epidemia. Esta decisión foi consecuencia das políticas de retallos da Xunta da Galiza, que deixou en mínimos o sistema público", indica Martín a Nós Diario, mentres crítica que "o Goberno galego vai facer 100.000 tests do coronavirus pero exclúe as traballadoras da sanidade, que son un dos sectores da poboación máis sensíbeis a doenza".

A media acumulada de casos nos últimos 14 días na Galiza é de  50,9 por cada 100.000 habitantes

As traballadoras e traballadores da Atención Primaria desenvolven un papel chave no combate contra a pandemia. O seu labor é decisivo no control da enfermidade e no seguimento das doentes confinadas nos seus domicilios, evitando coa súa actuación o colapso do sistema hospitalario. O Goberno galego prevé dotar estes sanitarios de máis tarefas e competencias nesta nova fase da pandemia e de cara ao futuro, significándose as súas competencias en materia de detención de novos casos e na atención ás usuarias dos centros de maiores. Porén, os retallos aplicados pola Xunta de Galiza nos últimos anos dificultan o seu traballo.

"A Atención Primaria precisa de máis medios para poder facer fronte a todas as probas de diagnóstico necesarias para vixiar as persoas contaxiadas e para facerse cargo da xente das residencias", destaca Manuel Martín. Nun sentido semellante, Xosé María Dios salienta a "precariedade da Atención Primaria, que nos obriga a tratar moitos días a 30 pacientes diarios".

Residencias: no punto de mira

Os centros de maiores seguen no punto de mira do coronavirus. A data de onte declarábanse 742 contaxios, 487 deles de residentes e 255 de traballadores e suman 259 falecementos, o que representa 44,9% do total das vítimas mortais pola pandemia na Galiza. A letalidade rexistrada nas residencias é desigual, concentrándose a súa práctica totalidade nos xeriátricos de xestión privada. A este respecto, María Xosé Abuín considera que "a Xunta quere dar a sensación de que xa pasou o peor para non ter que avaliar nin intervir as residencias".

"A política de Feixoo onde tivo gran responsabilidade na expansión do coronavirus é nos centros de maiores. É el que privatiza a xestión de moitas residencias, entregándollas aos grandes operadores privados controlados polos fondos voitres, como acontece con DomusVi. Precisamente nestes complexos residenciais privados é onde a epidemia ten máis virulencia", comenta Manuel Martín, que demanda unha maior participación da comunidade sanitaria na elaboración do novo modelo de xeriátricos que está a debater a Xunta.

Galiza demostrou maior resistencia á enfermidade mais a tendencia mudou nas dúas últimas semanas

Francisco Vizoso, médico e un dos voceiros da Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos para Maiores e Dependentes, denuncia en declaracións a Nós Diario que "malia o acontecido, as ratios seguen sen cumprirse nas residencias, onde usuarias e traballadoras sofren unha situación de penuria" e demanda "unha nova política de persoal que poña fin á precariedade e lles outorgue a debida formación". "A situación das residencias privadas non é para nada de normalidade", afirma Vizoso, que considera necesario "un reforzamento da Atención Primaria para garantir unha mellora da asistencia necesaria do persoal residente. E aí é fundamental un compromiso orzamentario real da Xunta coa sanidade pública".

Xoán Carlos Ansia, gobernante da residencia pública Volta do Castro de Compostela e delegado da CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña, indica que "a situación sigue igual. A Xunta non toma ningunha medida e desde logo que non estamos preparados para outra caída forte de coronavirus. A única medida é preparar habitacións para futuros illamentos". "Quérennos calar cunha esmola de 85 euros na nómina que compense as xornadas de traballo polo coronavirus, pero do que se trata é de ampliar os cadros de persoal", conclúe.