Poden multarte por non tratar de 'vostede' un axente de Policía? Isto é o que di a 'Lei mordaza'

"Voute multar por faltar ao respecto", espetou o axente. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Deixar os cativos soltos na comisaría de Policía, tentar paralizar un desafiuzamento ou tratar un axente sen a fórmula de cortesía son algúns dos feitos que nos últimos anos carrexaron sancións na Galiza por mor da controvertida Lei de seguridade cidadá, un "retroceso" en materia de liberdades segundo varias organizacións sociais.

"Esta lei non restrinxe ningún dereito; ao contrario, está na vangarda en materia de dereitos e liberdades". Con estas palabras defendeu en reiteradas ocasións a Lei de protección da seguridade cidadá, coñecida popularmente como 'Lei mordaza', o ex ministro do Interior durante o Goberno de Mariano Raxoi e impulsor do texto, Jorge Fernández Díaz.

Porén, xa daquela diversas  entidades na defensa das liberdades como Esculca ou Amnistía Internacional advertían do "retroceso" que supuña, salientando artigos como o 36.4,  que recolle como infracción grave "os actos de obstrución que pretendan impedir a calquera autoridade [...] o exercicio lexítimo das súas funcións", que na práctica se traduce con centos de multas por, entre outras cuestións, tentar paralizar un despexo. Por este artigo houbo 154 sancións na Galiza.

30.437 expedientes abertos na Galiza, cunha recadación de máis de 15 millóns de euros

En total, no país recadáronse máis de 15,6 millóns de euros por diferentes delitos vencellados á 'Lei mordaza', a través de 30.437 expedientes abertos. A Galiza concentra así 6,6% das multas rexistradas  no conxunto do Estado español, onde neste período se recadaron un total de 253,9 millóns de euros.

Este mesmo ano transcendeu tamén o caso dun home ao que multaron porque dous dos seus fillos estaban a xogar na comisaría, "entrando e saíndo", mentres el agardaba fóra co terceiro primoxénito en colo e a súa muller renovaba o DNI no interior. Un axente pediulle que os "controlase" e el alegou que non podía facer máis porque andaba pendente do bebé. O resultado, unha sanción por "causar desorde nas vías, espazos ou estabelecementos públicos", un dos delitos tipificados na lei.

Pero o artigo máis polémico, e do que as autoridades botaron man máis veces neste tempo, é o 36.6, que tipifica tamén como grave a "desobediencia ou resistencia á autoridade aos seus axentes no exercicio das súas funcións [...], así como a negativa a identificarse a requirimento da autoridade". Por este motivo foi multado o pasado ano A.L.V., que quedara coas súas amizades nunha rúa céntrica de Lugo e, polo camiño, topou cunha intervención policial que espertou o seu interese.

"Había tres axentes arrodeando un home ao que eu coñecía, polo que decidín achegarme a preguntar que pasaba e se podía axudar", relata A.L.V. a 'Nós Diario'

"Vin que había un coche da Policía Nacional con tres axentes arrodeando un home ao que eu coñecía de vista que andaba moi despistado, porque non entendía nin o galego nin o castelán. O primeiro que fixen foi preguntar a unha muller que estaba alí e dixo que el non fixera nada malo, que estaba facendo malabares e a xente miraba, estaban a pasalo ben. Chamoume a atención a actitude dos axentes e achegueime", explica, en conversa con Nós Diario.

A.L.V. acendeu a cámara do seu móbil antes de interpelar os axentes, "por experiencias persoais pasadas", e preguntou que pasaba e se podía axudar, alegando que coñecía a persoa, ao que o policía respondeu que non lle "incumbía" o que estaba a pasar. E retrucou:

— Se queres non me preocupo pola xente.
—Se quere —dixo o policía.
—Non, se queres.

A raíz deste diálogo o axente interpretou unha "falta de respecto" á autoridade que reflectiu cunha infracción dese artigo 36.6.

—Vasme multar por tratarte de 'ti'?
—Si, por faltar ao respecto.

"Non é sancionábel non tratar de 'vostede', e non o fixen porque me parecía polas súas formas que era unha cuestión de poder, de submisión", expón A.L.V., a quen tamén lle pediu a Policía que se identificase tres veces seguidas en escasos segundos, sen darlle tempo a mostrar o DNI. "Estaba traballando a denuncia, entendo que buscaba a escusa para multarme por supostamente negarme a identificarme, o que non é certo e así o acreditan as persoas que alí estaban", engade.

Mais o asunto non quedou aí: esta persoa recorreu a sanción e agora a Xustiza vén de darlle a razón, deixándoa sen efecto. Aliás, decidiu dar unha volta ao acontecido e presentar el mesmo unha denuncia contra o axente polo seu proceder, que foi rexeitada en primeira instancia e agora está en mans da Audiencia Provincial.

"Entendo que moita xente prefira pagar e deixarse de líos, é un proceso moi longo e que te desgasta", sostén

Un caso moi semellante acontecéralle tempo atrás en Sarria, mais daquela decidira abonar o pago anticipado para reducir a sanción, de 600 euros, á metade. Após elevar o caso a instancias xudiciais recuperou os cartos. "No Colexio de Avogados non me orientaron demasiado ben e tiven algunha discusión para que me asignasen un avogado, mais conseguino. Pero sen a Xustiza gratuíta non tería recorrido porque se perdese tería que pagar as costas", indica.

A.L.V. ve lóxico que moitas das persoas sancionadas "prefiran pagar e deixarse de líos porque é un proceso moi longo e que te desgasta", se ben considera "moi grave" que se impoñan multas, como a súa, aplicando cunha certa discrecionalidade a 'Lei mordaza'.

Unha norma arbitraria e cuestionada

Por este delito de "desobediencia" impuxéronse 20.582 sancións nestes seis primeiros anos coa norma en vigor; por "faltas de respecto e consideración" a un axente de Policía, outras 6.174.

Un informe recente de Amnistía Internacional constata que a lei "foi empregada desde a súa aprobación contra movementos sociais e plataformas cidadás de forma reiterada" e "dificultou, cando non impediu, o traballo da prensa para documentar abusos da Policía".

Tamén a ONG estadounidense Human Rights Watch (HRW) ollou cara España para condenar unha lei "represiva" e pór o foco en que, pola contra, "ningún axente foi condenado por abusos" como os cometidos, por exemplo, "o 1 de outubro de 2017" en Barcelona, con motivo do referendo de independencia catalán.

A prometida reforma da lei, a 'fogo lento'

O PSOE comprometérase a derrogar a lei cando chegase ao Goberno, mais unha vez na Moncloa mudou o discurso e comezou a falar de "reformar" o polémico texto, aprobado co único apoio do PP.

Hoxe as negociacións no Congreso están enquistadas ante as reticencias dos socialistas a limitar a "arbitrariedade policial". Neste senso, as forzas políticas que presionan o PSOE fan fincapé en que a "ampla e imprecisa" redacción dan "unha ampla marxe á discrecionalidade" por parte dos axentes policiais.