Publícase o ránking das mellores universidades do mundo. En que posto están as galegas?

As universidades galegas foron avaliadas polo CWUR (Foto: Nós Diario).
O Centro para o Ránking das Universidades Mundiais (Center for World University Rankings -CWUR-) vén de publicar a súa lista anual de 20.531 institucións universitarias avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico.

O Centro para o Ránking das Universidades Mundiais (Center for World University Rankings -CWUR-) vén de publicar a súa lista anual de 20.531 institucións universitarias avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico.

A metodoloxía empregada por CWUR parte dunha serie de indicadores estruturados en catro ámbitos. Por unha parte, a calidade da educación mídese a través do número de estudantes que obtiveron distincións académicas en relación ao tamaño da institución.

Este ítem conforma 25% da puntuación final no ránking. O estudantado que obtivo postos executivos de relevancia nas máis importantes compañías do mundo é o indicador que CWUR toma en consideración á hora de abordar o nivel da empregabilidade e que ten un peso de 25% no cómputo global da clasificación.

O persoal docente e investigador que teña obtido distincións académicas serve para medir a calidade dos centros cun peso de 10% no conxunto da puntuación final.

Finalmente, no indicador relativo á investigación científica, CWUR analiza o número total de artigos publicados (10%), o número de artigos publicados en revistas de primeiro nivel (10%), o número de artigos publicados en revistas de grande influencia (10%), así como o número de artigos máis citados (10%). Os datos obtéñense a través da información subministrada polas propias universidades, así como a través de sondaxes.

As universidades galegas

Deste modo, as tres universidades galegas tamén foron avaliadas pola CWUR sendo a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a mellor valorada acabando no posto 487 do mundo (top 2,4) e no posto número 12 das universidades do Estado español.

Pola súa parte, a Universidade de Vigo (UVigo) finalizou no posto 801 mundial (top 4%) e no posto 27 das universidades do Estado español.

Finalmente, a Universidade da Coruña (UDC) acabou no posto 1.014 (Top 5%) do mundo e no posto 35 da universidades do Estado español.

O CWUR

O CWUR é unha organización que ofrece asesoramento sobre políticas, información estratéxica e servizos de consultaría a Gobernos e universidades para mellorar os resultados educativos e de investigación.

CWUR publica clasificacións universitarias globais autorizadas, recoñecidas pola súa obxectividade, transparencia e coherencia, nas cales confían estudantes, académicos, xestores de universidades e Gobernos de todo o mundo.