Unha publicación de Arabías recolle seis historias de vida de mulleres rurais

Xornada de peche da segunda edición da Escola Espadela organizada pola cooperativa Arabías (Imaxe: Arabías).
A raíz das sesións da Escola Espadela de empoderamento rural impartidas pola cooperativa Arabías nace a idea dun libro. Nel plásmanse as seis historias de vida de seis mulleres que viven no rural e que falan en primeira persoa das súas experiencias ou dos problemas que afrontan no seu día a día. Nós Diario conversa cunha das impulsoras do proxecto a mais cunha das súas protagonistas.

Carme Veiga suma 64 anos e defínese a si mesma como unha "loitadora". Veciña do concello de Vilamaior, é secretaria dunha asociación na que tomou aulas de costura, teatro ou informática. Hoxe estuda inglés a través dunha aplicación que lle amosou a súa filla. Ao longo da súa vida dirixiu unha explotación de vacún, foi presidenta dunha cooperativa, cultivou caraveis para a venda e unha horta.

A maior de oito irmáns e irmás, en conversa con Nós Diario explica que non coñeceu o machismo na casa. "Repartiámonos as

tarefas por igual", relata. Afiliada ao Sindicato Labrego Galego  (SLG), no seu seo conectou "coa feminista que levaba dentro".

Foi o sindicato o que lle deu a coñecer a Escola Espadela de empoderamento de mulleres rurais, unha iniciativa da cooperativa Arabías. "Chamoume a atención o título e decidín participar", conta, "foi moi gratificante". Preguntada pola súa aprendizaxe salienta que o fundamental que tirou dos obradoiros é "respectarse e valorarse a unha mesma".

Temos moita forza, conservamos as sementes, traballamos a terra, di Carme Veiga

"As mulleres do campo somos as esquecidas, cando en realidade temos moita forza. Conservamos as sementes, traballamos a terra, coidamos das crianzas e das maiores", valora Carme Veiga, ao tempo que comparte que no seu tempo como presidenta da cooperativa aprendeu a "poñerse brava, marcar os meus límites e facerme valer".

Ela protagoniza, xunto con seis mulleres máis, un libro de historias de vida editado pola cooperativa Arabías. Todas elas participaron nalgunha das dúas edicións da Escola Espadela. "Ao principio pensaba que non tiña nada que achegar, mais cando leron o borrador da miña parte emocioneime. Houbo momentos duros, mais non me arrepinto de nada, e penso que aínda algo fixen", conta entre risos por teléfono. 

Seis biografías

Loli Rodríguez, Marisol García, Maribel Pacheco, Eva Quetti e Pili Carrodeguas son as compañeiras de Carme Veiga na singradura literaria de Arabías. Tania Merelas, integrante da mesma xunto a Beatriz López, conta a Nós Diario que a semente desta publicación se atopa nos obradoiros e as aulas de Espadela, nos que as participantes foron compartindo experiencias e anécdotas.

"Deses trazos de historias de vida xurdiu a idea. Cremos que son biografías que merecen a pena ser narradas, achegan un coñecemento e unha sabedoría que adoitan ficar invisibilizados", explica Merelas.

Achegan un coñecemento e unha sabedoría que adoitan ficar invisibilizados, afirma Tania Merelas

Arabías atopou nestas seis mulleres "exemplos de resistencia ao patriarcado". Elas accederon a participar da publicación, que contou co impulso do premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña concedido en 2019, e que estará dispoñíbel en edición dixital de balde.

"Asomámonos a moitas das problemáticas que atopan as mulleres no rural, desde a violencia machista, ou distintos exemplos de desigualdades, até a falta de determinados servizos", di Merelas.

Carme Veiga valora que o rural avanzou cara á igualdade, mais lamenta unha problemática que continúa dolorosamente presente: a marcha da mocidade pola imposibilidade de atopar un medio de vida. "Dáme moita pena", denuncia antes de rematar a chamada.