A montaña luguesa, deserta de Centros de Información para Mulleres

Imaxe tirada da Secretaría Xeral de Igualdade

As comarcas da Fonsagrada, Ancares e Meira non contan con ningún destes organismos.

O asasinato machista de Ana Gómez en Becerreá e o conflito xerado arredor da atención recibida por esta na Casa da Muller de Lugo e nos servizos sociais municipais, deixa en evidencia as carencias de atención das mulleres rurais no interior do país. 

A cuestión foi situada no centro do debate pola representante da Asociación Enriqueta Otero, Aurora Antúnez, quen participou esta cuarta feira (2 de marzo) --xunto con Fiadeiras e Amaranta-- na Comisión de Igualdade do Parlamento. 

Aurora Antúnez, subliñou a realidade que atinxe as mulleres rurais perante a falta de servizos

Na súa intervención, Aurora Antúnez, subliñou a realidade que atinxe as mulleres rurais perante a falta de servizos o que dificulta a prevención e tratamento integral da violencia machista. Mais tamén, puntualizou, pola realidade social que caracteriza os nucleos poboacionais rurais. Unha cuestión que exemplificou co feminicidio de Becerreá no que o asasino de Ana Gómez, e veciño tamén desta localidade, era "coleguita do tenente de alcalde e do xefe da Garda Civil", dixo. "Onde denunciaba?", preguntouse Antúnez a respeito da situación de violencia prolongada na que se atopaba a muller. 

A integrante da Asociación Enriqueta Otero denunciou que "a montaña de Lugo" fique deserta de Centros de Información para Mulleres (CIM) pois non existe ningún destes organismos nas comarcas da Fonsagrada, Ancares e Meira. Aliás, na comarca de Quiroga só hai un para un territorio que abrangue tres concellos (Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil) e 581 quilómetros cadrados. 

Na provincia de Lugo hai 11 CIM espallados entre Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro

En total, a provincia de Lugo, conta con 11 CIM repartidos entre Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. "Lugo está completamente desatendida", asegurou, ao tempo que salientou unha realidade semellante no caso de Ourense. 

Neste senso, non só reclamou a creación de máis organismos --de competencia municipal-- senón tamén artellar estratexias específicas para as comarcas do rural polas particularidades específicas que atinxen as mulleres en situación de violencia machista nestas localidades.