O PSOE denuncia o "dispendio" de Xácome en dromedarios para a Cabalgata de Reis

O alcalde ourensán, Gonzlo Pérez Xácome (Foto: Nós Diario)
Os socialistas piden ao PP que "poña fin ao malgasto de diñeiro público en eventos deste tipo" por parte do rexedor de Democracia Ourensana.

O Partido Socialista (PSOE) de Ourense denuncia que o custo dos dromedarios que o Concello de Ourense empregou na Cabalgata de Reis ascendeu até os 14.520 euros, e cualifícano como outro "dispendio" máis do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome.

Nun comunicado remitido aos medios, os socialistas cargan con dureza contra o rexedor de Democracia Ourensana (DO), do que din que está "illado na idade de pedra". Lamentan que Xácome empregue animais como "xoguetes", sen importarlle o "estrés e sufrimento" derivado destes espectáculos.

Acusan o alcalde de "ocultar as facturas e importes gastados", e afirman que a pesar diso non conseguiu ocultar que o precio de contratación dos dromedarios, 12,000 euros máis o Imposto do Valor Engadido (IVE).

O PSOE de Ourense asegura que a decisión de empregar estes animais "supón unha volta ao pasado e rompe por completo co nomeamento de Ourense como cidade declarada libre de circos con animais", aprobada en 2013.

Xustificación do alcalde

O PSOE, xunto co Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ourense e varios colectivos animalistas, xa denunciaron durante decembro e xaneiro a contratación deste tipo de servizos que empregan animais.

Acolléronse a diversos estudos que demostran o prexudicial de participar nestes espectáculos para os animais, e pedíronlle ao rexedor de DO que dese marcha atrás e non empregase animais vivos na Cabalgata de Reis. Porén, finalmente o rexedor desoíu a expertos e oposición e levou dromedarios a Ourense.

Xácome escusou a decisión en que as crianzas, "ao ver que os Reis viñan en dromedarios dicían que a Ourense chegaran os de verdade".

A este respecto, o PSOE tamén lle exixe ao Partido Popular (PP), socio de goberno de Democracia Ourensana, que "poña fin ao malgasto de diñeiro público en eventos deste tipo".