O PSOE desbota “universalizar” o uso do galego, vasco e catalán no Senado para “non coartar o debate”

Pleno do Senado. (Foto: Senado)

Garante que aumentará o uso de linguas na Cámara mais, advirte, non se "universalizará" para non coartar “a axilidade do debate”.

A portavoz do PSOE no Senado, Eva Granados, garantiu onte que esta lexislatura aumentará o uso das linguas cooficiais na Cámara Alta, como se comprometeu Pedro Sánchez con Pere Aragonés na Mesa de Diálogo, aínda que desbota estender este uso a todos os debates como pide Junts na súa proposta de reforma do Regulamento que está actualmente en tramitación.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Eva Granados rexeitou universalizar o uso das linguas cooficiais nas sesións de control alegando que "a inmediatez do debate no parlamentarismo é esencial". "Cando hai unha interpelación, un debate vivo, temos unha lingua que nos une e que nos permite esa inmediatez que hai no parlamentarismo", defendeu.

Na actualidade está en tramitación no Senado unha proposta de reforma do Regulamento do Senado para universalizar o uso das linguas cooficiais. Con todo, a portavoz socialista sinalou que a variábel que impide que o PSOE desbote estender o seu uso "non é a económica", senón que, tal e como entende, a universalización das linguas cooficiais podería "coartar a inmediatez do debate".

En calquera caso, Eva Granados tamén lembrou que o uso das linguas cooficiais xa está permitido no Senado na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e no debate das mocións.

Iso si, a dirixente socialista asegurou que durante esta lexislatura producirase un cambio no Regulamento do Senado para que se utilicen máis as linguas cooficiais nos debates, aínda que evitou precisar se esta reforma levará a cabo antes de final de ano, apuntando que "hai outras urxencias encima da mesa".

O que non puido concretar é de que maneira se ampliará este uso do catalán, o eúscaro e o galego, que xa se pode utilizar en mocións e nalgunha comisión: "Temos que ver en que iniciativas parlamentarias se utilizará".