Saúde mental

Psiquiatras defenden o 'electroshock' en casos concretos: "É incuestionábel desde a evidencia científica"

O Hospital de Conxo fica no centro do debate após transcender o caso do mozo de Arzúa. (Foto: Arxina)
"Un elevado número de pacientes beneficiáronse e seguen beneficiándose da técnica", celebran asociacións de profesionais.

A raíz da polémica que xerou o caso dun mozo de Arzúa ao que se lle aplicou a terapia de 'electroshock' no Hospital de Conxo tras ser ingresado por un "cadro psicótico grave", a Asociación Galega de Psiquiatría (AGP) e a Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde Mental (SEPSM) saíron ao paso esta cuarta feira, a través dun comunicado no que apuntan que este tipo de terapia está "vixente" e é "incuestionábel" desde a evidencia científica, a pesar de ser "claramente estigmatizada" durante anos.

AGP e SEPSM inciden en que a terapia electroconvulsiva (TEC) "segue a ser un dos principais tratamentos dispoñíbeis e utilizados en Psiquiatría para o tratamento de enfermidades graves", e salientan que a técnica "evolucionou notabelmente desde os seus inicios até o momento actual", realizándose actualmente con intensidade eléctrica "de pulso breve ou ultra breve", o que "consegue que a carga na estimulación eléctrica sexa mínima".

"Un elevado número de pacientes beneficiáronse e seguen beneficiándose da técnica", apuntan as asociacións, especialmente no ámbito da catatonía, con "taxas de resposta entre 80% e 100%", nun ámbito no que é "en moitos casos tratamento de primeira elección"; a depresión maior resistente aos fármacos, a esquizofrenia ou outras enfermidades neurolóxicas nas que "os seus resultados son inapelábeis".

As persoas expertas aseguran a que a técnica non ten "contraindicacións absolutas" e a súa realidade está "moi afastada da visión agresiva ou perigosa". Ao mesmo tempo, indican que os efectos secundarios máis habituais son certa confusión ao espertar e dor de cabeza, que desaparecen "ás poucas horas", ou "lagoas de memoria", malia que "con menor frecuencia" e sen que se relacione con "lesións cerebrais". "Ao contrario, pouco despois da TEC, a maioría dos pacientes presenta mellorías nas puntuacións en test de intelixencia, atención e aprendizaxe", destacan.

Criterios clínicos

Pola súa parte, desde a área sanitaria de Santiago-O Barbanza lembran que os tratamentos médicos das e dos pacientes decídenos os propios facultativos "cinguíndose a criterios clínicos", e indican que a TEC só se aplica "baixo estritas condicións de seguridade". "Por tanto, non se trata de ningunha técnica obsoleta nin que vaia contra a lex artis. Emprégase tanto para procesos agudos como para mantemento e para evitar recaídas de procesos crónicos", sinalan.

A área sanitaria destaca que "hai centos de estudos realizados que demostran a eficacia da terapia electroconvulsiva" que, neste caso, "está avalada por unha decisión xudicial" que estima que o paciente "non ten a capacidade de coñecer e está manexado pola enfermidade".

Aliás, diferentes especialistas consultados por Nós Diario sinalaban recentemente o seu apoio ao uso de terapias electroconvulsivas, mais só en casos moi concretos, para pacientes con cadros especialmente graves como esquizofrenia ou depresión aguda e após fracasaren outros tratamentos.

Pola súa parte, decenas de persoas concentráronse esta terza feira na praza do Toural de Santiago para mostrar a súa firme oposición a este tipo de tratamento e defender que "hai outras alternativas" para pacientes con cadros agudos.