Expertos ven "ineficaz" a obrigatoriedade da máscara nos espazos exteriores

Prudencia, tests e os menores contactos posíbeis, o 'menú' para esta Noiteboa

Concorrida afluencia ao mercado de Nadal habilitado estes días na Alameda de Vigo (Foto: Arxina).
As persoas expertas piden á cidadanía "respectar" a recomendación da Xunta de non superar as dúas unidades de convivencia nas celebracións do Nadal, xa que esta é "a única medida 100% eficaz" contra a Covid-19. Pola contra, ven "inútil" a obrigatoriedade da máscara nos espazos exteriores, unha medida que "non impedirá" que a incidencia siga a medrar sen control de cara ao vindeiro ano. A Atención Primaria, alertan, "xa está desbordada".

Chegou a Noiteboa, unha data para os reencontros, as apertas e a papatoria. Mais, por mor da situación epidemiolóxica, unha data tamén para a prudencia e a moderación. Así o advirten, en conversa con Nós Diario, o médico internista Ignacio Ramil e o profesor emérito de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e experto en epidemioloxía Juan Gestal.

Na cuarta feira o líder do Goberno estatal, Pedro Sánchez, acordou cos seus homólogos na Conferencia de Presidentes estabelecer de novo a obrigatoriedade da máscara nos espazos exteriores, aínda que se cumpra o distanciamento social de 1,5 metros. O mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, non decretou novas restricións para as celebracións do Nadal, mais si trasladou á cidadanía unha recomendación: que nas xuntanzas participen un máximo de dúas unidades de convivencia. Malia non ser unha medida de obrigado cumprimento, os profesionais sanitarios instan a respectala.

"A responsabilidade é nosa, dos individuos. Para dificultar a circulación do coronavirus precisamos limitar o máximo posíbel os contactos sociais, porque este virus ten unha enorme transmisibilidade e para freala esta é a medida máis eficaz", indica Gestal. Pola contra, cre que a obrigatoriedade da máscara ao ar libre non é, "en absoluto", unha decisión que contribúa a reducir a incidencia. "É unha nova mostra do 'teatro pandémico' que pode ter utilidade, obviamente, con algo que xa estaba estabelecido, o seu uso cando hai aglomeracións. Baixo o meu punto de vista, o Estado volve abandonar a súa responsabilidade", sostén.

Na mesma liña apunta Ignacio Ramil: "Non ten sentido obrigar á poboación a levar a máscara no exterior e ver o que vemos nos interiores. Reducir os contactos en espazos fechados, sobre todo se estamos sen máscara, é o único que será eficaz. Podemos sumar unha capa de protección facendo un test de antíxenos, ventilando ben os interiores ou administrando a terceira dose da vacina ás persoas maiores, mais o risco cero non existe", di.

Precisamente nesta quinta feira o Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos advertiu que poden aparecer "falsos negativos" cando se realizan as probas de antíxenos sen ter síntomas ou cunha carga viral moi baixa: "Un resultado negativo non exclúe a posibilidade de infección". A proba máis fiábel é a PCR, que a Consellaría de Sanidade realiza de balde e sen necesidade de cita previa en diferentes cidades do país. Nas últimas datas rexistráronse longas ringleiras de persoas nestes puntos e unha elevada positividade: máis de 10.000 contaxios detectados no conxunto de país en apenas unha semana.

Porén, é suficiente unha PCR para pasar as festas como antano? "Cando alguén me pregunta que test recomendo sempre digo que a Covid entra pola porta da nosa casa, e a única forma de evitalo é fecharlla. É unha mágoa nestes días tan sinalados, e a xente está moi cansa porque xa respondeu milleiros de veces co confinamento, a vacinación, o uso da máscara... Ter que renunciar ao Nadal é moi difícil, mais desde o punto de vista legal só se poden facer recomendacións e é importante cumprilas", explica Ramil.

Como iniciaremos 2022?

Malia que non tomará a decisión definitiva até a vindeira semana, Núñez Feixoo xa adiantou que o seu goberno está a estudar a posibilidade de prohibir as festas de Fin de Ano e as cabalgatas do Día de Reis, que, no caso de se celebraren finalmente, todo semella indicar que serían estáticas, como o pasado ano.

"Estamos nun momento álxido da expansión da enfermidade, e aínda que a xente estea cansa e farta, non ten sentido facer grandes festas en Fin de Ano. E as cabalgatas quizais non se deberían celebrar", reflexiona o profesor Juan Gestal.

A constante suba da incidencia da Covid-19 podería provocar que a Galiza principie 2022 nunha situación crítica. "Agora veñen semanas de moitos contaxios na rúa, e en tres ou catro semanas poderiamos roldar os 50.000 casos activos se seguimos a tendencia actual. Ese volume non o poderán asumir os centros de saúde, que terán que limitar a súa actividade cotiá ou axustala dalgún modo", augura Ramil, que tamén advirte da presión que sufrirían os hospitais: "Gústame ser prudente e non dar moitas cifras, mais penso que con esa incidencia teriamos entre 600 e 1.000 persoas ingresadas".

Gestal coincide neste punto: "Hoxe a situación xa está descontrolada, temos unha sobrecarga enorme na Atención Primaria, e seguirá a medrar porque afortunadamente a meirande parte dos casos son asintomáticos, mais son atendidos igualmente pola Primaria".

Falta de persoal sanitario

O Consello de Ministras deu nesta quinta feira luz verde a que tanto a sanidade pública como a privada poidan contratar persoal sanitario xubilado para reforzar os cadros de persoal.

"Moitos profesionais que se acaban de xubilar están aínda en perfectas condicións para poder traballar nun momento así. Penso que é unha medida axeitada porque a Primaria precisa reforzarse como sexa", expón Gestal. Con todo, matiza: "Faltan médicos e enfermeiros... por culpa de quen? Nas facultades de Medicina estivemos formando un número de médicos maior das prazas ofertadas no MIR, mais marcharon a outros países onde lles pagan ben, teñen contratos estábeis, non os contratan por horas...".

Pola súa banda, o doutor Ignacio Ramil engade: "Creo que se podería ter fidelizado mellor o colectivo sanitario en xeral para non andar agora ás présas e ter que botar man das persoas xubiladas. Vivimos moitos anos 'ao límite', e agora que temos unha pandemia cada vez que vén unha nova vaga evidéncianse as eivas".

23 espazos habilitados para facer a PCR

A Consellaría de Sanidade habilitou na quinta feira até 23 espazos por todo o país para realizar probas PCR sen necesidade de cita previa e de balde. Así, na sexta feira a cidadanía poderá acudir a calquera dos tres aeroportos galegos ou ás estacións de tren da Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo —Guixar e Urzaiz— e Compostela, entre outros puntos dispoñíbeis nestas cidades, malia que nas estacións e aeroportos só se ofrecen as probas ás persoas viaxeiras. Tamén se farán as probas diagnósticas no Barco de Valdeorras, Burela, Ferrol, Monforte, Verín e Ribeira.