Protestas en defensa das pensións públicas e contra os recortes

Manifestacion en defensa das pensións en Compostela (Arxina)

Compostela acolleu a manifestación convocada polo Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen) que se enmarca nunha campaña de mobilizacións celebradas en todo o Estado. Piden a dimisión do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, e a substitución do seu proxecto de reforma por unha iniciativa de blindaxe das pensións.

Centos de persoas manifestáronse este sábado en Compostela para evidenciar a súa postura contraria ao proxecto de lei de reforma das pensións exposto polo Goberno español e que aseguran realizouse "ao ditado da banca".

A protesta, convocada polo Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen), enmárcase nunha campaña de mobilizacións celebradas en todo o Estado para pedir a dimisión do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, e a substitución do proxecto de reforma por unha iniciativa de blindaxe das pensións.

Os promotores da marcha advirten do perigo de recorte e de privatización co aumento do período do cómputo de cálculo da pensión exixido pola Unión Europea (UE) como parte do acordo sobre os fondos de recuperación que ten que percibir o Estado español.

O movemento censura que esta nova reforma supón atacar o sistema público de pensións para xerar desigualdade e incerteza, cunha proposta "ao ditado da banca e do poder financeiro" que levará a un recorte nas futuras xubilacións e a un plan de privatización.

Equiparación ao SMI

Entre as propostas das e dos manifestantes está a demanda de que as pensións mínimas deben elevarse até equipararse ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e este situarse no 60% do salario medio, segundo recomenda a Carta Social Europea.

Tamén reclaman a derrogación das reformas de pensións do 2011 e do 2013 e as reformas laborais de 2010 e 2012, que recortan as pensións e reducen salarios e cotizacións sociais.

Entre outras medidas, consideran que a xubilación debe volver aos 65 anos para crear emprego, mitigar a pobreza e a brecha de xero e os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados deben ser eliminados.

Así mesmo, piden estabelecer medidas efectivas para acabar coa brecha de xénero en salarios e pensións, garantir a capacidade adquisitiva destas mediante revisións anuais, que recollan como mínimo o incremento do custo da vida; e que en caso de ser necesario garántase o pago mediante os Orzamentos Xerais do Estado sen que se converta en débeda da Seguridade Social.