A protección da noite, fóra da norma que di velar pola redución da contaminación luminosa

Luces de Nadal iluminan a rúa Príncipe de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Divulgadores, asociacións de astronomía e particulares advirten do impacto negativo que pode supor, de se aprobar, o Real Decreto de aforro, eficiencia enerxética e redución da contaminación luminosa elaborado polos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica. Segundo denuncian, o proxecto, en fase de audiencia pública, alenta o contrario do que di promover no título.

As intencións son boas, mais o enfoque "obsoleto" do texto introduce unhas obrigas que comprometen a protección da noite e contradín os seus propios obxectivos, ademais do mandato expreso da Lei 34/2007 de calidade do aire e protección da atmosfera, aprobada hai case 14 anos.

A norma exixe explicitamente a preservación "ao máximo posíbel" das condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, así como a redución da intrusión luminosa e dos seus efectos contaminantes no ceo nocturno.

Desde 2008, a contaminación luminosa non o deixou de aumentar a un ritmo de máis de 2% anual

Mais o texto que busca aprobar o Goberno, lonxe de reducir a contaminación luminosa, promove a extensión da superficie iluminada, e polo tanto, os efectos negativos da luz artificial durante a noite, "con escaso ou nulo control".

Alegacións até o 30 de setembro

A denuncia máis firme parte desde Galiza, da Agrupación Astronómica Ío, que tras presentar alegacións á redacción do Real Decreto na primeira fase de exposición pública, quere aproveitar o segundo trámite, aberto até o 30 de setembro, para impulsar a remisión dunha avalancha de argumentación en contra que obriguen os Ministerios de Industria e para a Transición Ecolóxica a revisar a súa proposta.

De aprobarse, este Real Decreto converterase na normativa de referencia para a toda a iluminación exterior, como o é na actualidade o de 2008. "O que marque será de obrigado cumprimento, sexa bo ou malo, sen que ningún técnico municipal teña que valorar se o que di é máis ou menos sensato", sinala a Nós Diario Martin Pawley, membro da Agrupación Astronómica Ío. Se ben, adianta, tal como está redactada "recolle infinidade de excepcións que permiten facer case calquera cousa a calquera".

Unha norma decisiva que beneficia industria

Estamos ante unha norma moi importante, que vai rexer toda a iluminación exterior do Estado, advirte Pawley, que lonxe de impulsar maiores esforzos por protexer a noite, "ten unha vocación moi industrial que non oculta”. De feito, na memoria de impacto normativo prevé, no prazo de 10 anos, a substitución de 6,5 millóns de puntos de luz por valor de 3.250 millóns de euros, “beneficio directo para industria enerxética".

A contaminación luminosa é un elemento chave na protección da biodiversidade e do ceo

A gran decepción para os defensores da noite está en que o decreto "non cambia nada" a respecto do de 2008, "que xa naceu morto". Aprobouse nun momento de cambio de paradigma na tecnoloxía da iluminación, coa irrupción masiva das luces LED no mercado. "Aquel texto viña regular un mundo que xa non existía ou estaba a piques de desaparecer, polo que todos estabamos de acordo en que era necesario actualizalo", asegura Martin Pawley.

Máis superficie iluminada

O problema, di, é que esta renovación "se fai mentindo". "Integra no título a contaminación luminosa, pero non hai ningunha mensaxe en todas as súas páxinas que faga posíbel esa redución da que fala na cabeceira". Ao contrario, "fala de por máis luz", obrigando os concellos a iluminar rotondas e pistas en 200 metros en cada sentido ou prohibindo apagar toda a iluminación mesmo en zonas de nula actividade nocturna. "En España pasaría a ser ilegal algo que fan un de cada tres municipios franceses: apagar as luces nas horas centrais da noite, unha espléndida práctica en favor da biodiversidade".

O texto recolle tantas excepcións que converten a normativa nun coadoiro. É unha perversidade.

As posturas máis críticas tamén censuran que o decreto non só non recolla ningunha medida que limite as emisións de luz, tampouco de medición e control que permitan avaliar "canta luz chega ao ceo e ao medio ambiente", ademais de se os niveis de iluminación se axustan á norma, unha encomenda que encargan ás empresas instaladoras e non a expertos.

A contaminación luminosa seguirá aumentando. "Desde 2008 non o deixou de facer a un ritmo de máis de 2% anual". Incrementarase "sen límite". Máis, se van adiante tantas excepcións como recolle o texto, advirte Pawley, "que converten a normativa nun coadoiro".

E pon un exemplo: "O decreto di que non se poden iluminar directamente masas de auga como lagoas, ríos ou o medio mariño, pero estache indicando que o podes facer indirectamente. É unha perversidade. E hai moitas máis", engade, que fan concesións á ilumininación ornamental ou aos alumeados de Nadal.

Impacto ambiental

"O impacto ambiental é indiscutíbel". E a principal preocupación, subliña Martin Pawley. A contaminación luminosa áfecta ás poboacións de insectos, morcegos, aves e anfibios. Afecta ao medio mariño e á flora. "Hai unha vastísima investigación que o decreto ignora", recalca.

É o momento de evitar un decreto que vai en dirección contraria ao resto do mundo

Xusto cando os organismos internacionais máis avanzados comezan a tomar medidas ao respecto. É o caso o Parlamento Europeo ou da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN polas súas siglas en inglés), que veñen de aprobar un informe e unha moción respectivamente que sitúan a contaminación luminosa como un elemento chave na protección da biodiversidade e do ceo, a sabendas do seu impacto no medio ambiente, na saúde e no patrimonio cultura.

"É o momento de actuar, de enviar alegacións, de que cadaquén exprese a súa opinión para que a teñan en conta". É o momento de evitar un decreto que vai "en dirección contraria ao resto do mundo, con dous Ministerios que dan prioridade a regalar miles de millóns á industria da iluminación sen que os efectos ambientais importen", sentenza Pawley.