Propietarios de terreos nas Fragas do Eume protestan ante a Xunta para pedir compensacións polos usos do parque

Protesta de propietarios de terreos nas Fragas do Eume esta quinta feira en Compostela (Foto: Arxina).
Ao redor dun centenar de propietarios de terreos das Fragas do Eume manifestáronse esta quinta feira ante a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no barrio compostelán de San Lázaro.

Ao redor dun centenar de propietarios de terreos das Fragas do Eume manifestáronse esta quinta feira ante a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no barrio compostelán de San Lázaro, para reclamar á Xunta "compensacións polas perdas de renda" que sofren polas restricións de uso derivadas da declaración do parque natural en 1997 e do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) aprobado este ano.

Así o explicou a presidenta da asociación de propietarios das Fragas do Eume, Ángeles Pita, en declaracións aos medios nesta protesta.

Segundo a presidenta da asociación, o que demandan son "compensacións polas perdas de renda", porque "desde 1996", un ano antes da declaración das Fragas do Eume como parque natural, xa sufriron "medidas cautelares" que restrinxían os usos dos terreos. Posteriormente, en 2004, incluíuse na Rede Natura.

"Vemos moi limitadas as nosas posibilidades de explotación madeireira. Todo o mundo sabe que a madeira é a (paga) extra do mundo rural", manifestou Pita, para lembrar que "80%" do parque é de propiedade privada.

Os manifestantes percorreron a contorna de San Lázaro onde está situada a Consellaría de Medio Ambiente facendo soar chifres e megáfonos mentres coreaban diversas consignas. Non faltaron pancartas en que se podía ler: 'Parque natural si. Compensación aos propietarios tamén'; ou 'Non ao PRUX sen consenso'.

"Non se están coidando”

Sobre a situación actual das Fragas do Eume, Ángeles Pita advertiu que "non se están coidando", que "non hai servizos" e que os camiños "están feitos unha mágoa". "Se os propietarios estivésemos contentos e puidésemos chegar a acordos coa Consellaría, que iso debería ser posíbel, a sociedade en xeral, e a galega en particular, tamén tería moitas máis vantaxes", agregou a presidenta.

Pola súa parte, o secretario da asociación de propietarios, José Luis Piñeiro, lamentou como a Xunta "leva desde o ano 1994 sen escoitar á xente e sen negociar" nos diferentes procesos administrativos.

Non foi até este 2023 cando se aprobou ese PRUX  -con 8,5 millóns de euros para a próxima década- e este colectivo considera que se fixo de forma "totalmente alegal", sen que se contestase "á metade" das alegacións dos propietarios. "Polo menos, á nosa (asociación), non contestaron e non nos queda outra solución que manifestarnos e presentar un contencioso-administrativo, e niso estamos", advertiu.

Así mesmo, Piñeiro asegurou que as Fragas do Eume están agora "moito peor que antes" porque "non se deixa facer nada" en canto a xestión da maleza nas leiras.