Prohibido plantar eucalipto na Galiza desde o 3 de xullo

Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Adega).
A moratoria para novas plantacións estenderase até finais de 2025. Porén, a Xunta concede 30 días máis para cultivar máis eucalipto, malia as advertencias de descontrol da especie.

O Diario Oficial da Galiza publica esta sexta feira, 21 de maio, a Lei de recuperación da terra agraria que inclúe unha disposición transitoria pola cal o 3 de xullo entrará en vigor a moratoria para novas plantacións de eucaliptos ata finais de 2025, que si permite repoboacións en terreos con presenza desta especie.

Desta forma, durante os próximos 30 días aínda se poderán facer novas plantacións de eucalipto na Galiza, nun contexto no que aumentaron as cortas de piñeiro co fin de substituílos por esta especie, ao tempo que se confirma a escaseza da planta nos viveiros. Todo iso, mentres a Xunta advirte que estará "vixiante" ante posíbeis incumprimentos como reforestacións en terra agraria.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, destacou que esta lei, que entrará en vigor este sábado, persegue poñer a producir terras abandonadas e infrautilizadas, así como achegar base territorial suficiente a explotacións.

Durante os próximos 30 días aínda se poderán facer novas plantacións de eucalipto na Galiza

Nunha xornada formativa sobre esta norma, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública, González defendeu que a lei facilitará superficie a quen a queira traballar con seguridade xurídica e rendibilidade.

O PPdeG quedou só na aprobación desta lei no Parlamento, un texto que foi rexeitado polo BNG e que contou coa abstención do PSdeG. A pesar diso, o conselleiro valorou o "alto grao de consenso" alcanzado ao incluír máis de 250 emendas na súa tramitación.

Novidades

Entre outras novidades, o conselleiro destacou que a lei atribúe á Xunta a facultade de investigación en parcelas vacantes que non teñen dono coñecido, cuestión que até o de agora recaía no Estado.

Ademais, esta lei será o instrumento que permita iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que compete integramente ao Ministerio de Facenda. Tras ese proceso de revisión, a lei estabelece que a Xunta notificará os resultados ao Ministerio para que proceda á súa actualización, unha cuestión demandada reiteradamente pola cidadanía, segundo expón a Xunta.

Así mesmo, haberá 10 anos de prazo para que donos poidan reclamar terreos abandonados antes de que vaian a propiedade da Xunta -pasarán á  Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) con potestade para poxar, permutar ou constituír dereitos reais sobre estes terreos-.

Igualmente, hai novos mecanismos que se atopan no texto como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, incentivos fiscais e o reforzo do Banco de Terras.