O programa de detección precoz do cancro de cérvix chega a toda Galiza

O Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix comezou no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. (Foto: Europa Press).

O cribado de detección precoz do cancro de cérvix chega a toda Galiza, após terse realizado máis de 33.000 probas ás galegas que conforman a poboación diana.

A Xunta da Galiza iniciou a implantación deste programa no distrito sanitario de Lugo a finais de 2019 pero, por mor da irrupción da pandemia da covid-19 tivo que interromperse, retomándose a finais de 2021.

O Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix  estendeuse en 2022 a toda a área sanitaria de Lugo, incorporándose mesmo ano as áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra e Salnés.

A iniciativa chegou de forma progresiva neste ano as áreas sanitarias de Vigo Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago e Barbanza e A Coruña e Cee. Foi precisamente, esta a última en integrarse no programa.

O desenvolvemento do programa é resultado dun mandato unánime do Parlamento da Galiza de 2021. Naquela altura, a Cámara acordou instar ao Goberno galego a “completar nesta lexislatura a extensión a toda Galiza do programa”.

Galiza desenvolveu desde 2020 máis de 33.000 probas ás persoas que conforman a poboación diana. A través delas detectáronse perto de 2.000 positivos en virus do papiloma humano (VPH),  máis dun cento de lesións pre-malignas e dez cancros.

Os cribados de mama

Os avances nos cribados de cancro de cérvix, fanse efectivos no mesmo ano en que se ampliou a  idade máxima no Programa de detección precoz do cancro de mama de 69 a 74 anos.

O programa conta con máis de 30 anos de traxectoria na Galiza e contribuíu a detectar máis de 11.000 cancros