Profesorado suplente censura a falta de actualización das listas de substitución

O funcionamento "deficiente" das listas de substitución de profesorado incomoda o persoal docente. (Foto: Arxina).
Persoal docente apunta unha xestión deficiente dos chamamentos e denuncia que a Administración galega non ten ao día as listas de substitucións após o último proceso selectivo de primeiros de verán.

Un mes após o inicio do curso escolar en todos os niveis educativos, persoal docente incluído nas listas de substitución da Consellaría de Educación acusan a Administración galega dunha xestión "deficiente" da cobertura de prazas vacantes e do profesorado substituto dispoñíbel en Primaria, Secundaria e FP.

O curso, apuntan a Nós Diario, "comezou antes, cun cambio normativo, e moitas vacantes sen cubrir". Esta segunda feira, 10 de outubro, a media mañá, o portal da Xunta que dá publicidade ás listas de persoal substituto mais ás prazas vacantes pendentes e adxudicadas recollía un total de 277 postos sen cubrir.

A Consellaría de Educación non cobre as baixas de menos de 15 días

As listas de substitución son públicas e obxecto de actualización diaria. O número de vacantes pendentes aumenta no momento en que os centros de ensino introducen as súas demandas de profesorado como resultado dunha baixa por enfermidade, dun permiso de paternidade, dunha xubilación ou dunha interinidade sen substituto asignado. 

En cada caso especifican o seu nome e a data de alta da súa solicitude, ademais da especialidade, das características da praza que precisan cubrir, dos motivos  que orixinaron esa vacante e da data estimada da súa caducidade.

A media que o persoal da Consellaría de Educación bota man das listas de suplentes, chama as persoas candidatas a esa remuda e adxudica os postos vacantes o número de prazas libres diminúe. O baile de cifras é constante, ao igual que o enfado de quen espera un chamamento  e observa o funcionamento das  listas de substitución. "Hai un déficit de cobertura de vacantes, pero non por falta de candidatos, senón dunha xestión moi defectuosa".

Demora nos chamamentos

Segundo din, as baixas de menos de 15 días non se cobren. "É habitual ver como algúns centros inscriben a súa demanda para un período de dúas semanas e esas vacantes desaparecen do sistema sen máis". Educación bórraas porque non ten intención de cubrilas, asegura o persoal docente substituto. "Hai vacantes que algúns centros publicaron até en catro ocasións e que a Administración suprimiu outras tantas veces nun xogo continuo de 'eu quero un docente, eu non cho dou'.

No caso de baixas e permisos de máis de 15 días, o profesorado substituto sinala unha demora nos chamamentos que non só vai en contra dos seus intereses laborais, senón da atención educativa do alumnado, que "a  gran maioría das veces está sen avanzar contidos perto de tres semanas, pois de se confirmar a baixa tardan mais dunha semana en cubrila". 

Están a adxudicar interinidades vacantes coas listas esgotadas e sen actualizar, polo que outorgan as prazas libres a persoal de listas afíns

O funcionamento deficitario das listas, advirten, é máis acusado en ciclos superiores de FP.  "Aí fan a vista gorda con máis frecuencia, xa que en secundaria ou na FP básica, con alumnado menor de idade, a presión das ANPA é superior e teñen a obriga de pór profesorado de garda ao coidado das aulas sen titular nin substituto".

Por último, especialistas de electrónica e electricidade, presentes en ciclos de FP cunha alta demanda, censuran a falta de actualización das listas de substitución tras o proceso selectivo do pasado mes de xuño. "Están a adxudicar interinidades vacantes coas listas esgotadas e sen actualizar, polo que outorgan as prazas libres a persoal de listas afíns, sen contar con quen acudiu á ultima convocatoria para estas modalidades".

"O grave é que falamos de emprego público, que deberan planificar e xestionar mellor, razoando as súas consecuencias legais".

"Non pór as listas ao día é denunciábel"

A preguntas deste xornal, a Consellaría de Educación asegura que se cobren "todas as baixas e a diario" malia que os tempos varían en función da dispoñiblidade das persoas e das especialidades. Defende o sistema galego como "o máis garantista" para quen figuran nas listas, que abre "en canto detecta que hai poucas persoas nunha especialidade concreta".

Con todo, desde CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, confirman que a Consellaría obvia a cobertura de permisos de menos de 15 días, "salvo en centros específicos como as unitarias" e a pesar da "pelexa" dalgúns centros por ver aprobada a súa solicitude.

A respecto da cobertura de vacantes no inicio de curso, a situación non dista da doutros anos. Recoñecen atrasos nas adxudicacións de interinidades nun momento en que a asignación de vacantes PROA+ ocupa a maior parte dos recursos da Consellaría e listas pendentes de actualización que obrigan a derivar os chamamentos a listas afíns, "e iso é denunciábel". Neste sentido, Educación mantén que está chamando a quen "xa ten consolidado o seu posto e ten prioridade sobre os opositores non aprobados".