Dimite o responsábel da FP na Galiza entre os rumores de tensións co conselleiro Román Rodríguez

Eugenia Pérez Fernández asumirá o seu cargo.

O ex director xeral de FP, José Luis Mira. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex director xeral de FP, José Luis Mira. (Foto: Europa Press)

O director xeral de Formación Profesional da Xunta da Galiza, José Luis Mira, dimitiu na segunda feira do seu posto, segundo confirmou hoxe o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. Xunto a el marcha o seu fillo, que ocupaba a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo.

Rueda anunciou que a até o de agora subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos, Eugenia Pérez Fernández, será quen asuma o cargo que Mira deixa vacante.

Na súa intervención ante os medios, o presidente do Executivo galego agradeceu a “dedicación e entrega” do xa ex director xeral de FP, e afirmou que a súa dimisión chegou “a petición propia”.

Tensións co conselleiro de Educación

Porén, diversas fontes da Consellaría de Educación sinalaron as tensións entre José Luis Mira o titular do ensino na Galiza, Román Rodríguez, como o motivo para que o primeiro abandone o seu cargo.

Despois dun primeiro paso pola Dirección Xeral de Educación entre 2009 e 2012, Mira asumiu a Secretaría Xeral de Educación, un cargo que supuxo a primeira confrontación con Rodríguez, xa que a súa man dereita, Manuel Vila, levaba anos asumindo o posto de secretario xeral técnico.

Precisamente, o nomeamento do seu propio fillo como subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo foi o seguinte episodio que espertou os rumores de tensión entre os dous dirixentes da Consellaría de Educación.

Finalmente, e após a marcha de Alberte Núñez Feixoo a Madrid, Román Rodríguez relegou Jorge Luis Mira ao cargo que ocupaba até comezos desta semana.

Comentarios