Profesionais temen o repunte de casos de violencia machista no desconfinamento

Montserrat González, Lucía Núñez, María Jesús Lourido e María Elena de Jesús traballan en Centros de Información á Muller (Asocim)
 Co inicio do desconfinamento, as traballadoras dos Centros de Información á Muller temen que aumenten os casos de violencia machista nun punto no que os agresores deixan de exercer un control case total das vítimas.

Como moitos servizos, no estado de alarma as profesionais dos Centros de Información á Muller (CIM) tiveron que adaptarse a traballar a porta fechada ou desde o fogar. Coa frialdade que engade a intermediación do teléfono, atenderon as usuarias, mulleres ou menores que sofren ou sufriron violencia de xénero ou en situación vulnerábel. Nunhas semanas en que apenas se detectaron novos casos de violencia machista, as traballadoras temen unha escalada das peticións de axuda durante o confinamento. Algunhas xa comezaron, apuntan, pero en forma de solicitudes de información sobre o divorcio.

"En abril estabamos moi preocupadas e preocupados porque houbo unha avalancha de chamadas ao 016 (o teléfono da delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero) e a nós non se nos derivaban casos. Recibíronse moitos máis contactos que en abril do pasado ano*", explica a Nós Diario Montserrat González, directora do CIM de Bueu e presidenta de Asocim.

O agresor está tranquilo porque a parella está baixo control, apunta Lucía Núñez Álvarez

As profesionais consultadas coinciden en analizar que durante o confinamento a violencia física puido diminuír. "O agresor está tranquilo porque a parella está baixo control, realizando as tarefas do fogar e só saíndo de maneira puntual da casa", apunta Lucía Núñez Álvarez, do CIM de Monforte.

As chamadas recibidas obedecen aos casos máis urxentes e moitas chegan derivadas dos corpos policiais, dos servizos sociais ou de profesionais da sanidade pública. Durante o confinamento, o seu papel esencial como detectores de casos de violencia de xénero tamén se viu truncado pola pandemia ante o aumento das teleconsultas ou o teletraballo.

María Jesús Lourido, traballadora do CIM de Outes, explica que compañeiras doutros centros detectaron casos de vítimas de violencia de xénero procedentes de clubs. "Saltaron bastante en Concellos que atenden esas mulleres, moitas en situación irregular", di. Tamén os de mulleres con doenzas mentais. 

O silencio do teléfono

As expertas indican que nunha situación tan difícil como a do confinamento as mulleres que conviven cun agresor adoptan estratexias de resiliencia. "Adáptanse a unha contorna hostil até o momento de poder abandonala", indica Montserrat González.

"Hai que pórse no lugar dunha vítima que está na casa co  agresor, o perfil dos maltratadores é control absoluto, se ela marcha a un cuarto seguramente el vaia detrás", expón María Elena de Jesús, directora do CIM de Ourense, engadindo que durante o confinamento as chamadas para denunciar maltratos partiron moitas veces da veciñanza. "Non só na Galiza, senón en todo o Estado", salienta.

Con anos de experiencia ás costas, as traballadoras dos CIM coñecen ben as dificultades das vítimas da violencia machista para recoñecer a súa situación e procurar axuda. Á barreira da culpabilidade e do medo súmanse hoxe, alén do propio confinamento, as maiores dificultades económicas.

As vítimas teñen que estar economicamente protexidas, afirma María Elena de Jesús

"As vítimas teñen que estar economicamente protexidas", afirma María Elena de Jesús. Botando a vista atrás aos seus 28 anos de traballo no CIM, explica que o número de mulleres que solicita axuda incrementouse moito co paso dos anos. "As problemáticas que temos que resolver son moi complexas, non digamos xa a partir de 2008 coa crise, os desafiuzamentos...", di, engadindo a necesidade de aumentar as prestacións a estas mulleres.

"A actual ronda os 600 euros durante un ano con pluses en caso de ter crianzas ao ano, iso chega para pagar o aluguer e as facturas, pero e a comida das crianzas, e a roupa con que vestilas?", cuestiona. "Os veráns normalmente son duros polo aumento da convivencia, imaxina agora", expón Montserrat González. Preocupadas pola detección de vítimas de violencia de xénero nas vindeiras semanas, as profesionais reclaman máis fondos para as usuarias e un reforzo do persoal. 

Os vérans normamente son duros polo aumento da convivencia, imaxina agora, expón Montserrat González

*Fe de erratas: O texto orixinal publicado en papel o 29 de abril de 2020 indicaba unha cifra errónea Os datos correctos son 336 contactos respecto aos 194 de 2019.