Violencia de xénero e corentena: cando o refuxio está fóra da casa

Campaña de sensibilización contra o machismo polo 25-N. (En Negro contra as violencias)
Especialmente vulnerábeis ao confinamento, as vítimas da violencia machista manteñen activos os servizos de atención e protección malia o endurecemento das restricións laborais pola crise sanitaria. Colectivos profesionais como os dos CIM reclaman alternativas de aloxamento para casos de emerxencia.

Se o confinamento ten consecuencias para toda a poboación, existen persoas e colectivos aos que a reclusión domiciliaria coloca en situación de especial vulnerabilidade. Así ocorre coas mulleres que sofren violencia de xénero que estes días conviven con quen as maltrata. "Se xa de por si, un home que exerce a violencia ten dificultade para o control das emocións, nun contexto de estrés coma este, agrávase", observa a psicóloga Fátima Rodríguez, unha das coordinadoras da quenda de garda de intervención psicolóxica para vítimas da violencia de xénero do Colexio de Psicoloxía, un "dispositivo de urxencia" que actúa no momento posterior a un incidente agresivo, por requirimento das forzas de seguridade, para prestar atención no momento da denuncia. 

Polo momento, no servizo non perciben un aumento das peticións de atencións, se ben recoñecen que neste tempo de excepcionalidade "o risco para elas elévase". A avogada Montserrat González, directora do Centro de Información á Muller de Bueu e presidenta da Asociación de Profesionais dos CIM da Galiza, Asocim, atopa en Italia a explicación á baixada de denuncias na corentena. "Como concluíron na Fiscalía Xeral de Milán, non é porque non se produzan os episodios, senón polas dificultades para denunciar. As vítimas vense na encrucillada de priorizar a seguridade das súas familias, crianzas ou maiores, por enriba da súa propia e aprazan a decisión para cando teñan opcións. É unha cuestión de resiliencia", analiza a profesional.

Como reivindica, os CIM están hoxe, coma sempre, "na primeira liña" para minorar os efectos da pandemia neste colectivo, adaptándose ás medidas impostas polo estado de alerta para seguir prestando atención especializada. "Reforzamos a asistencia telefónica e por correo electrónico, malia estar en condicións precarias. Se con motivo do 8-M reclamabamos que era preciso reforzar con urxencia os CIM con máis persoal, esta crise sanitaria trouxo dificultades engadidas", advirte. 

Con todo, chama a todas aquelas mulleres que se sintan en situación de risco a "pedir axuda" e facer uso dos recursos de apoio ao seu dispor, e lembra que tamén os servizos policiais e xudiciais están operativos. "Malia a corentena, non hai impunidade para o agresor", recalca.

En efecto, as novas medidas estabelecidas polo Goberno central, publicadas este domingo, manteñen como esenciais os servizos relacionados coa atención e protección ás vítimas da violencia machista, e os xulgados galegos inclúen esta materia dentro dos servizos mínimos –tanto nos exclusivos da Coruña e Vigo como nos especializados do resto de partidos xudiciais–, para actuacións que van desde paso a disposición de detidos a ordes de protección e calquera medida cautelar para a muller ou menores ao seu cargo.

Das Administracións, a presidenta de Asocim demanda "que a información chegue o máis rápido posíbel aos servizos, as normas e os protocolos cambian e necesitamos telas actualizadas". Nese sentido, chama tamén a activar "todos os recursos dispoñíbeis, especialmente os de aloxamento para vítimas". Como apunta, a Xunta publicou hai unha semana a resolución pola que se facilitará a apertura de estabelecementos para acoller este e outros colectivos vulnerábeis. "Hai que poñer os centros de acollida a disposición das demandas de emerxencia que poidan xurdir", di.

Desde o Colexio de Psicoloxía, Fátima Rodríguez valora que os servizos de atención ás vítimas de violencia machista na Galiza se manteñan nestes días. "Todos os medios que se empregaban están a disposición das mulleres: o teléfono da muller – 900400273– está reforzado con máis persoal, os CIM están operativos, o centro de recuperación intengral funciona e tamén as oficinas de atención ás vítimas dos xulgados", expón, polo que alenta as vítimas a que "non deixen de pedir axuda por estarmos nesta situación".

A profesional tamén apela á "resonsabilidade cívica" para que a veciñanza avise os servizos de emerxencia en caso de ter indicios dunha agresión, para que non haxa desprotección. "Neste tempo é fundamental", indica.

En caso de risco, saír para pedir axuda

Desde Asocim, Montserrat González achega unha serie de recomendacións para mulleres nesta situación, que comezan por confeccionar unha lista de teléfonos de persoas que poidan prestar axuda en caso de necesidade. "Pódense gardar, numerados, na axenda do teléfono, para saber a quen recorrer nunha urxencia", sinala. A especialista chama tamén a memorizar os números de servizos como o de emerxencias 112, "fundamental", o 091 e 092 da Policía, o 061 ou o 016, de información e asesoramento sobre violencia de xénero, e subliña que todos eles acudirán a unha chamada de auxilio aínda que esteamos en corentena. Tamén aconsella ter localizada a documentación, propia e  das persoas ao cargo  –identificativa, bancaria ou sanitaria– e, se é posíbel, gardar unha copia na casa de alguén de confianza. Pero, sobre todo, subliña que, en caso de percibir un risco, unha muller debe saír da casa para pedir axuda, tamén durante o confinamento. "Ninguén te vai deter por saír da casa para pedir auxilio, aínda que esteamos en corentena", subliña.