Profesionais sanitarios exixen nun manifesto "salvar a Atención Primaria"

Participantes nunha concentración de SOS Sanidade Pública (Foto: Arxina/ Arquivo).
A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, da que participa a plataforma SOS Sanidade Pública, presentou un documento cos puntos que consideran esenciais para garantir recuperar a boa calidade na atención nos centros de saúde.

Entidades de todo o Estado español, integradas na Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, presentaron esta quinta feira un documento que, a través de 11 puntos, aposta por recuperar "o recortado nos últimos anos, incrementando o orzamento até un 25% do total”.

Demandan "aumentar o cadro de persoal eliminando as trabas de acceso a probas  diagnósticas e terapéuticas", así como "garantir uns centros de saúde abertos, accesíbeis, próximos a toda a poboación e sen listas de agarda". 

Reclaman "dar prioridade ás consultas presenciais" que cren "fundamentais para lograr unha eficaz relación entre profesional e paciente". No mesmo sentido din que "as consultas telefónicas e telemáticas deberán ter un papel complementario e non discriminatorio".

Botan en falta novas e novos profesionais "de fisioterapia, matronas, saúde mental, logopedia, atención temperá e farmacoloxía clínica" e queren que se incremente o persoal das áreas de admisión. Ademais, piden “desmedicalizar a Atención Primaria e ofertar opcións de coidados cunha orientación comunitaria e sociosanitaria” apostando por "mellorar a relación co nivel hospitalario". 

No manifesto reivindican, tamén, mudar as áreas de saúde para que "se convertan no espazo para a integración de todas as actuacións e actividades de saúde”.

Por último reclaman "garantir a participación e empoderamento da cidadanía para a promoción de saúde e a mellora dos servizos sanitarios constituíndose tres consellos de saúde que permitan unha participación real e efectiva" xunto a unha "promoción do nivel de intelixencia da Atención Primaria potenciando as actividades formativas, docentes e de investigación, con recursos e equipamento propio e suficiente". 

Denuncian mala xestión

Xosé María Dios, médico e voceiro de SOS Sanidade Pública, asegurou que este manifesto "vai ser un antes e un despois se lle fan caso" para este sistema sanitario e anunciou que se prepara a convocatoria dunha "gran manifestación" na Galiza que "poña a Atención Primaria no centro do debate político".

Na presentación do documento outro médico de familia galego, Manuel Martín, lamentaba a "mala xestión dos centros de saúde" e advertiu de que coa pandemia "a situación se agravou" co "recorte" na consulta presencial.