A presentación da memoria anual da Valedora do Pobo, que dirixe María Dolores Fernández Galiño, revelou o compromiso acadado polo Sergas para atender na sanidade pública a aquelas persoas que, estando nunha das diversas listaxes de agarda, rexeite ser derivada a consultas concertadas no tecido sanitario privado.
Iso é o que respondeu a Consellaría de Sanidade á institución ao respecto desta recomendación parlamentar.
A alternativa que se pedía para as pacientes “que rexeiten ser derivadas á centros concertados para ser sometidos a unha intervención cirúrxica” foi confirmada polo Servizo Galego de Saúde, que chegou a fixar esa resposta “nun prazo máximo de 12 meses”.
Desta maneira ampliaríase a máis supostos esta opción que xa estabelece o decreto de tempos máximos naquelas enfermidades que non requiran de atención sanitaria urxente.
Malia todo, a entidade non aclarou se eses prazos xa se están a cumprir na actualidade.
Máis persoal para atender as persoas maiores
O documento que transcendeu esta sexta feira tamén alude á demanda da Valedora para que a Xunta amplíe o cadro de persoal de médicas e médicos especialistas en xeriatría, para garantir unha atención o máis axeitada posíbel as persoas maiores.
Por outra parte, e xa pensando nestes tempos de pandemia e as súas consecuencias, exixe que se mellore o sistema de atención telefónica toda vez que non se permite volver á presencialidade total aos ambulatorios.