Profesionais da Enfermaría e da Medicina na Galiza fan a maleta na procura de estabilidade

Laura Carrera e Teresa Nieto traballan de enfermeiras en Cantabria e Reino Unido (Imaxe: Nós Diario).
A temporalidade laboral dificulta a conciliación das e dos profesionais de Enfermaría ou Medicina. No canto de encadear contratos de poucos días ou de agardar sentados a que o teléfono soe, hai quen decide facer a maleta e emigrar a outros territorios do Estado ou países europeos na procura unha maior estabilidade. Nós Diario conversa con traballadoras que exercen fóra da Galiza.  

Nas últimas semanas, centos de residentes de diferentes especialidades da Medicina incorporáronse no Servizo Galego de Saúde para comezar a súa formación tras seis anos, como mínimo, na universidade. Esta estenderase ao longo de catro ou cinco anos, segundo as especialidades. Na Enfermaría, esta proba non é obrigatoria para exercer, mais si noutras especialidades da Psicoloxía, a Farmacia ou a Química, coas súas respectivas residencias. Unha vez rematadas, comeza a procura de emprego.

O camiño cara a un posto estábel na sanidade pública galega, segundo explican profesionais a Nós Diario, pode demorar varios anos. En 2017, a Consello de Contas situaba os índices de temporalidade do Sergas en 40% en Atención Especializada e 28,1% en Atención Primaria. 

Nas especialidades de Medicina non é raro demorar dez anos ou máis en obter unha praza estábel, aseguran desde Fegal

"Nas especialidades de Medicina non é raro demorar dez anos ou máis en obter unha praza estábel, segundo sabemos polo propio persoal. A media para a interinidade pensamos que está entre os cinco ou os seis anos", explican desde o colectivo Facultativos Galegos Eventuais en Loita (Fegal). 

De contrato en contrato

Pendentes do teléfono, con dificultades para conciliar a súa vida laboral, leva a parte do persoal canso da inestabilidade a facer as maletas e marchar da Galiza. Unha opción non exenta de obstáculos, entre eles os burocráticos. Tampouco de dificultades, explica quen decidiur emigrar, sobre as que destacan afastarse da rede familiar e de amizades. 

Teresa Nieto atende o teléfono intres despois de mercar uns voos para volver ao fogar de visita. En 2013 adquiriu un billete a Reino Unido para procurar emprego como enfermeira tras anos como eventual no Sergas. "Rematei a carreira en 2008 e penso que foi das afortunadas, porque traballei case todo 2009 cun contrato de cinco meses e outro de seis", relata.

Rematei a carreira en 2008 e penso que foi das afortunadas, porque traballei case todo 2009, conta Teresa Nieto

"En 2010 comezou a hecatombe", agrega Nieto. Naquela altura asinou diferentes contratos cun total de non máis de catro meses cotizados. Un patrón que se repetiu en 2011. "En 2012 apenas lembro traballar", di. Nese tempo presentouse a dúas oposicións e dous exames de Enfermeira Interna Residente. "Unha amiga que estudiou Administración de Empresas decidiu emigrar polas falta de oportunidades na Galiza e eu marchei con ela", resume.

En catro anos, Laura Carrera traballou "un máximo de seis meses". "En 2017, ao pouco de rematar a carreira, tiven un contrato de dous meses. A partir de aí estiven quince días nun lado, días soltos e apenas nada máis", afirma. Paralelamente comezou a traballar nun centro para persoas con discapacidade en Bóveda. "Desaparecín do mapa, empataba as quendas co pouco que me chamaban do Sergas".

Carrera anotouse nas listas do servizo de saúde cántabro. Na segunda vaga da pandemia ofreceulle o seu primeiro contrato de máis de 15 días na sanidade pública. "Do 1 de xullo ao 31 de outubro. Chamáronme unha sexta feira e comecei á cuarta feira seguinte, foi todo sobre a marcha mais un contrato de catro meses é case imposíbel no Sergas", asegura.

Foi todo sobre a marcha mais un contrato de catro meses é case imposíbel no Sergas, di Laura Carrera desde Cantabria

Nalgunhas profesións e especialidades a emigración é máis común que noutras. "No Estado español, unha de cada tres matronas formouse en Reino Unido", apunta Sandra, nome ficticio dunha enfermeira que tras unha rotación da súa residencia en Catalunya decidiu non volver a Galiza.

No único verán que Sandra experimentou na sanidade galega acumulou 14 contratos en 65 días. A súa parella, coa que comparte profesión, asinou case 80 nun ano. En Catalunya, a ela ofrecéronlle un contrato de sete meses. "A situación aquí non é idílica, os contratos tamén son precarios, mais na Galiza pasas demasiado tempo sen traballar", agrega esta enfermeira. 

Na Galiza pasas demasiado tempo sen traballar, lamenta unha enfermeira

Carreira profesional

Segundo as testemuñas recollidas, nesta cuestión radica a diferenza entre a Medicina e a Enfermaría no país. "Hai traballo, aínda que precario. Mais tendo esa opción na balanza e podendo ficar coa familia, por que marchar?", din desde Fegal. Con todo, 1.164 profesionais da Galiza solicitaron o certificado de aptitude profesional necesario para exercer no estranxeiro entre 2011 e 2019, segundo o Consello Estatal de Colexios Médicos.

Entre 2011 e 2019 1.164 médicos e médicas solicitaron un certificado para exercer fóra do Estado español

Ester, que prefire non revelar o seu verdadeiro nome, foi das profesionais que solicitou esta documentación. Traballaba como residente e decidiu mudarse a Reino Unido cun emprego no Servizo Nacional de Saúde británico. "As perspectivas de traballo non me motivaban a continuar e houbo tamén unha parte de ganas de aventura", comparte.

"En Reino Unido o apoio profesional é máximo", valora Teresa Nieto, que comparte destino con Ester. A enfermeira destaca que o sistema da illa permite ás enfermeiras unha especialización máis complexa de lograr que no Estado español. "Comecei cun contrato indefinido e un período de formación, sen poder escoller o servizo. Unha vez rematei podo solicitar o traslado a outro servizo que me interese máis e que teña postos vacantes, para continuar aprendendo", explica.

Nieto valora a posibilidade de sumar cada vez máis responsabilidades na especialidade que escolla. Nos meses máis duros da pandemia, agrega, priorizouse o material de protección para o persoal sanitario. Porén, hai aspectos que si valora do sistema galego, como a formación das auxiliares de enfermaría. "En Reino Unido non existe ese título, este persoal depende moito de ti cando comeza a traballar polo que a túa carga diaria se incrementa", expón. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 7, nos quiosques ou na nube]