A enfermaría, na primeira liña de contaxios

Persoal sanitario do CHUAC aplaude polos compañeiros falecidos pola COVID-19 e as súas familias, a pasada sexta feira 24 de abril.(Brais Lorenzo)
Máis da metade das sanitarias contaxiadas por SARS-Cov-2 na Galiza son profesionais de enfermaría, perto de 20% do persoal non facultativo. Pero o colectivo de enfermeiras, técnicas e auxiliares continúa a sumar contaxios tras denunciaren a carencia e deficiencias dos materiais de protección e a realización de probas insuficientes para detectar a COVID-19. Xela Soto, Hugo Babarro e Alicia Castro relatan o seu caso tras contraeren o virus e reclaman máis tests para o persoal e máis apoio á sanidade pública despois da crise do coronavirus.

A enfermaría é un dos colectivos máis expostos á COVID-19 e representa máis da metade dos sanitarios infectados por coronavirus na Galiza: case unha quinta parte do persoal non facultativo, segundo indica a Organización Colexial de Enfermaría. Mais a proporción de enfermeiras contaxiadas podería ser superior, xa que denuncian a negativa do Sergas a realizar tests masivos tras deficiencias nos materiais de protección.

“Desde o principio houbo falta de planificación. Dicíannos que non era necesario utilizar máscaras e que con manter unha distancia de seguridade cos pacientes e medidas hixiénicas era suficiente”, relata Xela Soto, profesional eventual de enfermaría no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense en áreas non especializadas na COVID-19.

"Ao principio diciannos que non era necesario usar máscaras", denuncia Soto 

Soto, que deu positivo a principios de abril no test PCR tras experimentar síntomas, e que hoxe permanece na súa casa á espera da segunda proba, relata que estivo en contacto con pacientes que posteriormente deron positivo. “A resposta que nos daban era que se non tiñamos sintomatoloxía seguísemos traballando. Pero podiamos ser asintomáticas e estar transmitindo o virus”, sinala, e critica que no CHUO non se realizase test a todo o persoal sanitario.

Explica que o risco de transmisión é especialmente elevado no caso da enfermaría eventual debido aos continuos desprazamentos. “Podes estar un día con pacientes asintomáticos e días despois con oncolóxicos ou con algunha infección respiratoria, ben en distintas áreas do mesmo hospital, como é o meu caso, ou ben porque tes que ir hoxe a Verín, mañá a Xinzo ou pasado ao Carballiño”, conclúe.

“Estamos moi expostas: non podemos coller unha vía, tomar a temperatura ou facer unha cura a dous metros de distancia”, comenta Alicia Castro, enfermeira eventual que estaba traballando no Hospital Provincial de Pontevedra cando comezou a ter síntomas e deu positivo na PCR. Esta profesional –que acaba de dar negativo– inclúese entre o 47% das sanitarias que cren que contraeron o virus por casos asintomáticos. “No quirófano participamos en procesos que xeran aerosois. Diante diso, as máscaras cirúrxicas non son suficientes. Non podo dicir que estivese ben protexida”.

Para J.M., profesional eventual do hospital da Coruña, a xestión da crise “foi mellorando pouco a pouco”. “Ao inicio pedíannos reutilizar algúns materiais ou non levar máscaras para non asustar os pacientes”, explica, motivo polo que tomou a decisión de trasladarse a unha segunda residencia por medo a contaxiar a súa familia. Na súa opinión, a situación mellorou “en gran parte grazas ás doazóns recibidas”, que lles permitiron “deixar de sentir tanto medo, sobre todo nas urxencias”, aínda que afirma que “o temor continúa nas plantas non COVID” .

FPP2 defectuosas

Hugo Babarro, enfermeiro da UCI do CHUO, permanece illado no seu domicilio tras dar positivo a semana pasada e á espera dunha segunda proba. Afirma que as profesionais da unidade tiveron ,“en xeral”, material de traballo, coas excepcións de que tiveron que usar “bolsas do lixo” ao esgotaren as calzas e supliron a “mala calidade” das gafas de protección do Sergas por “doazóns conseguidas a través da autoorganización”. Pero o principal problema foi a carencia de máscaras FFP3, que este profesional cualifica de “imprescindíbeis” na UCI.

“Dicíannos que só podiamos utilizar máscaras FFP3 para realizar manobras perigosas, pero na UCI poden xurdir en calquera momento accións que requiren o uso de aerosois, o que nos obriga a saír, quitar o Equipo de Protección Individual (EPI) e pór outro para cambiar a máscara”, di. A isto sumouse o reparto de máscaras defectuosas FFP2, cuxa retirada foi, na súa opinión, “un auténtico despropósito a nivel organizativo porque non eran necesarias 40 horas para retiralas”. 

A realización de 1.300 tests rápidos ao persoal tras a utilización das máscaras defectuosas foi, di, “un lavado de cara”. “Hai xente que deu negativo e está comezando agora a ter síntomas, xa que con ese tipo de proba non das positivo até pasados 3 ou 4 días despois de contaxiarte. Eu din positivo porque seguramente xa estaba contaxiado de antes”, comenta o enfermeiro, que opina que “ao Sergas preocúpalle máis quedar sen persoal que que traballemos infectados”.

Mais engade que o asunto das máscaras “foi só a pinga que colmou o vaso” tras verse na obriga de adaptar “ás présas e nun só día” a unidade de recuperación post-anestésica (URPA) para crear unha UCI COVID, despois de ter presentado á xerencia “un plan de continxencia con tempo suficiente” no que advertían que “non había espazo abondo para traballar”.

"Se es eventual e enfermas, quedas sen dereitos"

O pasado 12 de abril, a Xunta de Galiza anunciou a prórroga dos contratos das enfermeiras eventuais contaxiadas pola COVID-19 tras unha situación moi polémica que saíu á luz coa denuncia da CIG e coa de Alicia Castro: estaba illada na casa por orde de Medicina Preventiva, o seu contrato remataba o 31 de marzo e, ao non poder incorporarse á nova praza, o Sergas comunicoulle por SMS que anulaba a nova contratación. "Cando chamei por teléfono dixéronme 'non sei de que te sorprendes, isto é o que pasa sempre'. E é certo, pero se perdes o teu contrato deixas de puntuar para as listas, e iso prexudícanos moito", explica Castro, quen se sentiu “moi apoiada” polo colectivo Eventuais en Loita cando decidiu denunciar o seu caso.

Aínda que Castro puido prorrogar o seu contrato tras a rectificación do Sergas, continúan as queixas de enfermeiras eventuais que deron positivo por coronavirus. Así o denuncia J.M., quen acababa de informar de que dera positivo cando lle comunicaron que a persoa á que substituía se ía reincorporar ao seu posto. "Póñente na primeira liña e, cando xa non serves, mándante á rúa e sen dereitos, porque xa non estás contratada", di, e engade que existe "medo a denunciar" estas situacións pola posibilidade de que "non te chamen".

"Que quede claro que a rectificación do Sergas é pola presión social que hai nestes momentos polo coronavirus, pero a anulación de contratos é a práctica habitual do Sergas: se es eventual e caes enferma ou quedas embarazada, quedas sen dereitos", afirma Xela Soto.

As profesionais critican a "falta de transparencia" nas contratacións, que se comunican “por vía telefónica”, un aspecto que tampouco pasa desapercibido para o persoal non eventual, como é o caso de Hugo Babarro. "Segue habendo certo control nas listas de contratación. Iso velo no día a día, decátaste de que hai cousas que non cadran", sinala.

Os catro profesionais, que manifestan o seu desexo de poder volver ao traballo, inciden na necesidade de seguir defendendo a sanidade pública pasada a crise do coronavirus: “Agradecemos moitísimo os aplausos, pero debemos seguir apoiando uns coidados de calidade”, manifesta Castro.