A presión hospitalaria trasládase á Atención Primaria

A falta de profesionais sanitarios especializados diminúe o control da Covid-19 e agrava a sobrecarga asistencial (Foto: Europa Press).
A segunda vaga de contaxios por coronavirus trasladou a presión asistencial á Atención Primaria mais non liberou a medicina especializada de sobrecarga. O déficit de persoal, as listas de espera e a Covid-19 complican a xestión hospitalaria. 

Coa chegada do novo coronavirus á Galiza e o aumento dos casos diagnosticados de Covid-19 que requirían dun ingreso hospitalario e de coidados especializados, o sistema sanitario comezou a observar con preocupación os seus propios límites. Durante a primeira vaga de contaxios, nos meses de marzo e abril, o risco de colapso do sistema hospitalario contemplouse como unha posibilidade real ante o avance descontrolado de casos positivos, con complicacións asociadas, en moi pouco tempo.

Frear o avance do coronavirus converteuse no obxectivo prioritario das autoridades sanitarias, non só co fin de moderar os contaxios senón de reducir a taxa de hospitalizacións e de ingresos nas Unidades de Coidados Intensivos. Entón, como agora, o que se busca é non comprometer a capacidade de resposta da estrutura asistencial nin do persoal sanitario asociado aos diferentes servizos sanitarios.

Se ben, seis meses despois, a presión asistencial non é tan elevada. A segunda onda de contaxios adiantouse ás previsións pero cunha incidencia sobre a poboación diferente á do inicio da epidemia. "O perfil epidemiolóxico variou. O incremento de casos nas últimas semanas consolidouse pero vemos que tanto a idade das persoas afectadas, moito máis novas, como a difusión da enfermidade non está prexudicando nin a xente maior nin a persoas con patoloxías que xeren necesidades asistenciais no ámbito hospitalario coa mesma forza que na primeira fase da Covid-19", afirma Manuel González Moreira, médico de familia e delegado da CIG-Saúde na área sanitaria de Vigo, o que lle permite asegurar que a sobrecarga asistencial nos hospitais galegos non existe. "Trasladouse á Atención Primaria".

Atención primaria e especializada, da man

A aparición de novos focos de contaxio salteados por todo o territorio aumentou desde o mes de xullo a incidencia do coronavirus na Galiza. O número de casos activos subiu de forma continuada e, a canda el, tamén o de hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos. Con todo, o impacto sobre a actividade hospitalaria non é tan importante como sobre o labor que desenvolven desde os centros de saúde, encargados de solicitar as probas, de comunicar resultados e de facer o seguimento de todos os pacientes que se recuperan nos seus domicilios, a maioría dos diagnosticados.

González Moreira defende que non se pode planificar unha xestión eficaz da actividade hospitalaria sen contar coa Atención Primaria. "O traballo asistencial que están asumindo agora mesmo os colectivos profesionais dos centros de saúde é extraordinario, dada a actividade proactiva que realizan cos casos de coronavirus. Unha sobrecarga descoñecida e opaca que vai ter consecuencias para a continuidade asistencial se o Sergas non aposta claramente por reforzar a Atención Primaria con recursos humanos suficientes".

A solución aos problemas de saúde da poboación derivados tanto da Covid-19 como doutras patoloxías ordinarias non depende só da atención especializada. "Sería un fracaso que chegasen ao hospital casos que poden resolverse adecuadamente en Atención Primaria. O único que conseguiríamos é saturar servizos que deben estar dispoñíbeis para as persoas que realmente precisan de asistencia hospitalaria", incide o delegado da CIG-Saúde. "Desde unha visión global da asistencia sanitaria, o traballo de Atención Primaria é fundamental para un funcionamento eficiente".

Déficit de persoal e presión hospitalaria 

A día de hoxe, a planificación dos recursos hospitalarios estase a desenvolver por áreas sanitarias e en función da demanda particular derivada do número de casos activos que hai en cada unha delas. "A situación é máis favorábel agora que nos primeiros meses da pandemia. Non só porque a presión hospitalaria é menor senón porque a experiencia previa axuda a afrontar mellor a organización dos espazos e a distribución do traballo", apunta Manuel Rodríguez, secretario xeral da organización sindical Médicos Independentes da Galiza, Omega.

Cada xerencia hospitalaria e cada hospital conta con diferentes recursos que adaptan e programan segundo a súa dispoñibilidade. "Non existe un plan unificado. Cada hospital  é un mundo, cunha capacidade de previsión e resposta distinta en cada caso", engade Rodríguez, mais salienta un problema común inaprazábel. "O déficit de persoal é o que está xerando neste momento que a situación de control da pandemia non sexa tan adecuada como debera ser".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 9, nos quiosques ou na nube]