A profesión de guía busca adaptarse este ano 2022 ao turismo inclusivo

Membros da Asociación Profesional de Guías de Turismo da Galiza en Compostela, hai tres anos (Foto: APIT).
A Asociación Profesional de Guías de Turismo da Galiza (APIT) lembrará este domingo que esta actividade ten que ser inclusiva e contar con colectivos de discapacidades diferentes. Con esta intención, presentará unha nova plataforma de formación.

A profesión de guía é un dos elementos máis visíbeis do sector do turismo. Son a porta de entrada ao pasado e ao presente de milleiros de visitantes que viaxan á Galiza e fundamentais para trasladar a imaxe que se quere do país. O seu día internacional cadra cada 21 de febreiro e este ano, ao caer en segunda feira, desde a Asociación Profesional de Guías de Turismo da Galiza (APIT) informaron que trasladarán a celebración para o domingo anterior con actividades en cidades e vilas.

En colaboración con varias entidades con discapacidades diferentes estarán na Coruña (María Pita, 11.30 horas), Lugo (Praza do Campo, 12 horas), Ourense (Xardíns Padre Feixoo, 11.30 horas), Pontevedra (praza de España, 11 horas), Compostela (Praterías, 12 horas), Vigo (A Laxe, 11.30 horas) e Redondela (cemiterio dos Eidos, 12 horas).

O duro golpe da pandemia

O turismo na Galiza está en proceso de recuperación após os momentos máis duros da pandemia. Segundo datos do polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de decembro algo máis de 200.000 viaxeiras e viaxeiros aloxados e 390.333 noites, unha cifra que triplica o mesmo dato de 2020. En todo 2021, as pernoctas hostaleiras foron máis de 6,5 millóns, case un 85% máis que en 2020, aínda que aínda é un 27,6% inferior ao 2019, ano de prepandemia.

Porén, os efectos da Covid-19 seguen a ser evidentes entre as persoas que traballan como guías. O presidente da APIT, Tommi Alvarellos, explica a Nós Diario que estiveron máis de ano e medio sen traballar "e cando voltamos foi con cotas de ocupación pequenas nos grupos".

Co inicio de 2022 atópanse cun problema que cualifican de "grave" na actualidade. "Pasámolo moi mal, até o punto que temos que agradecer aos bancos de alimentos que nos axudasen", asegura Alvarellos, "e por esa circunstancia moitas persoas buscaron outros traballos e agora non contamos con eses profesionais que se precisan", engade.

Profesionalización e turismo inclusivo

Coa idea de arranxar a situación e actualizar os coñecementos das persoas que continuaron exercendo como guías, desde APIT idearon o Instituto para a Profesionalización do Guía de Turismo (IPGT). O proxecto, que presentarán esta fin de semana, procurará ser unha plataforma de formación que, no ano da súa inauguración, centrará a súa actividade na Axenda 2030, no turismo circular, sostíbel e respectuoso "para traballar con turistas de capacidades distintas", segundo o responsábel da APIT.

A intención é dedicar todo 2022 ao turismo inclusivo, que no só se limita á eliminación de barreiras físicas, sensoriais ou da comunicación, senón que ten por finalidade lograr que as contornas, produtos e servizos turísticos poidan ser gozados en igualdade de condicións por calquera persoa. 

Por ese motivo, afondaran no traballo de "respectar o habitante das cidades ao tempo que nos poñemos no lugar do turista", afastando a imaxe negativa que se ten do turismo froito, para Alvarellos, "dunha mala praxe". A maiores, procurarán unha actividade "sostíbel" que non estea centrada en determinadas datas e eventos.

Por último, adaptarán a súa actividade ás persoas que teñen dificultades de mobilidade ou doutro tipo. "Todo o mundo ten dereito a gozar das visitas e na Galiza xa hai un traballo feito de adaptar os espazos, caso de cidades como Compostela ou Pontevedra. Agora a nosa obriga é aproveitalo", sentencia Alvarellos.