O risco dunha segunda vaga de contaxios

O inicio do desconfinamento abre a posibilidade de novos brotes de transmisión (Europa Press).
Na Galiza, as previsións indican unha baixa circulación do virus. Saber quen entrou en contcto coa poboación e xerou anticorpos é unha das chaves para determinar medidas acordes de desconfinamento ante unha posíbel segunda onda.

Evitar unha segunda vaga de contaxios é unha das prioridades da comunidade experta e tamén dos Gobernos á hora de fixar, avanzar ou reverter as condicións da desecalada. O risco existe, e non cesará durante os próximos meses.

"Non podemos pensar que no verán imos lograr erradicar o virus. Todas as investigacións apuntan que vai estar aí, entre nós. E non o imos controlar nin vai desaparecer mentres non teñamos unha vacina", explica o catedrático de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Caamaño Isorna, a Nós Diario.

Vaise crear unha especie de diálogo entre o virus e a nosa forma de vivir.

Para o xefe de servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), caben dúas posibilidades. "Ben pode que o virus decida non continuar, como sucedeu en 2002 co SARS-CoV, que volveu aos reservatorios, cousa pouco previsíbel neste caso, debido á grande extensión que acadou”, sinala Benito Regueiro; “ben pode entrar nunha fase na que se vaian sucedendo brotes dispersos".

A hora dos tests

Neste segundo suposto, destaca o integrante do comité de xestión de crise que asesora á Xunta da Galiza, esas vagas de contaxios poden responder ou non a un patrón estacional e van depender, ademais, "da relación que o novo coronavirus estabeleza con outros virus que poidan estar en circulación e das actuacións da propia poboación. Vaise crear unha especie de diálogo entre o virus e a nosa forma de vivir".

Así, engade Regueiro, se a xente volve a unha normalidade total, de forma rápida e con grandes aglomeracións, o comportamento do virus pode chegar a ser máis preocupante, porque gozará de condicións máis favorábeis, "con taxas de poboación altas e contacto continuado"

Neste contexto, gañan relevancia os estudos poboacionais de seroprevalencia, indica Caamaño Isorna. "É hora dos tests, para saber que porcentaxe pasou a enfermidade, quen está enferma e quen son os seus contactos para podelos illar e conter a doenza".

Circulación e inmunidade

Eses estudos están en marcha, recalca Benito Regueiro. E malia que non hai sistemas perfectos que o midan todo e ofrezan 100% de sensibilidade, incide, as probas que se desenvolven son importantes porque "nos van permitir ter unha idea aproximada de canto e por onde circulou o virus". E aquí, na Galiza, tendo en conta o confinamento, "todo apunta a que a circulación do virus foi moi baixa".

Os tests que se están facendo detectan a presenza de anticorpos. "Dirannos quen estivo en contacto co virus e se circulou máis nunhas zonas que noutras, o que permitirá tomar medidas acordes con cada territorio”.

Todo apunta a que a circulación do virus foi moi baixa.

Coñecer a inmunidade de grupo é fundamental de cara á desescalada e posíbeis rebrotes. É dicir, saber que porcentaxe da poboación xerou defensas contra o virus "malia que aínda se descoñece a súa capacidade para neutralizar o virus cando nos infecta", lembra Regueiro.

Con todo, os expertos coinciden en que, a pesar da ausencia de tratamento e de vacina, unha segunda vaga "vainos coller mellor  preparados", con equipos xa adestrados, máis medios diagnósticos e coñecemento previo. Por iso piden "plan e cabeza".