As comunidades de montes alentan a manifestación do día 20

Mnifestación na defesa dos montes veciñais convocada pola Organización Galega de Montes Comunais en 2018
Nunha serie de asembleas informativas a Organización Galega de Comunidades de Montes recolleu as achegas das comunidades para elaborar unha proposta de Lei de Montes e presentala aos grupos parlamentares.

A Organización Galega de Comunidades de Montes percorreu nestas semanas a xeografía galega, organizando asembleas informativas coas comunidades veciñais en man común. Xosé Alfredo Pereira, un dos seus integrantes, sinala o seu duplo obxectivo : “Presentamos o borrador dunha nova Lei de Montes que redactou a organización e expoñemos os motivos polos que nos manifestamos o 20 de outubro”. Esta semana completaranse as asembleas, con encontros no Barbanza, no Baixo Miño e en Lobios.

A manifestación nacional foi convocada pola plataforma Por un monte galego con futuro, integrada por máis dunha vintena de colectivos e asociacións. No seu manifesto reivindican a defensa do monte veciñal en man común, unha xestión “multifuncional e sustentábel” dos montes, o “freo á eucaliptización” e mudanzas na prevención dos lumes forestais. Pereiro lembra tamén a necesidade de que se recoñeza “ás achegas sociais das comunidades de montes” e a aprobación  dunha fiscalidade “adaptada a esta figura propia da Galiza”.

Unha nova Lei de Montes

Unha das reclamacións da mobilización é, precisamente, a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza. O borrador da Lei de Montes, que prepara a Organización Galega de Comunidades de Montes, presentarase como alternativa.  “As asembleas foron satisfactorias, hai acordo respecto aos principios xerais do borrador e as propostas que recibimos son para melloralo”, adianta Pereira. Unha vez recollidas as achegas o documento entregarase ás formacións parlamentarias de cara aos vindeiros compromisos electorais e as eleccións nacionais do 2020.

Un dos obxectivos das comunidades é anular as débedas contraídas coa Xunta logo do remate da súa xestión dos montes comunais. “Grazas ás mobilizacións conseguimos aprazar o pagamento até o 2021, e que só se contabilicen as débedas a partir do 2005. Mais consideramos que a Xunta asinou un contrato con elas e rachouno de xeito unilateral, o xusto é que a débeda sexa condonada”, demanda Pereiro.