20-O: manifestación nacional por un futuro para o monte galego

Convocada en Compostela pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, que integra máis dunha vintena de organizacións, colectivos e entidades. Demanda outro modelo forestal para Galiza, que aposte na multifuncionalidade do monte e contra a eucaliptización, que defenda a sustentabilidade e teña en conta a realidade da emerxencia climática.

O domingo 20 de outubro Compostela acollerá unha manifestación nacional que demandará un outro modelo forestal para o monte galego. Convocada pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, a mobilización partirá ás 12:00 da Alameda para reclamar a “defensa” dunha xestión do monte “acorde coa actual emerxencia climática, o quencemento global e a perda de biodiversidade”, en palabras de Paulo carril, secretario xeral da CIG, unha das organizacións que fai parte da Plataforma.

Segundo explicou Belén Rodríguez, de Adega, a mobilización tamén vai reclamar a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, contando cunha participación equilibrada de todos os axentes sociais e que siga, como principios reitores, “a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de uso, o fomento do arborado autóctono e unha moratoria do eucalipto, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, e a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social”.

Lembra a Plataforma que 94% do noso territorio é superficie rural e “hoxe está baixo un risco potencial, visto cal é o deseño que para o monte galego ten o PP ou o goberno español do PSOE a través do Ministerio de Transición Enerxética”. Unha visión, incide Carril, de “gran eucaliptal”.

A Plataforma cuestiona tanto a Estratexia Galega contra o Cambio Climático como o Plan Forestal que tramita a Xunta, por etender que non son acaídos.

A plataforma constitúena: Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente do Chan-PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), KunterbuntDesign, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.