Por un monte galego con futuro

Denuncian que a política forestal e contraincendios da Xunta ten no rural consecuencias "drásticas"

Foto de Adega

A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, integrada por máis de 20 organizacións e colectivos, denuncia o “desleixo” do Goberno galego na prevención de incendios, critica que o groso do gasto neste eido vaia para medios aéreos privados e o convenio co exército; e lamenta que non se escoite nin teña en conta a participación social.

Un monte con cada vez máis superficie abandonada, cun aumento constante de especies pirófilas, un rural en despoboamento e, coroando esta situación, un plan da Xunta contra incendios forestais que non é o acaído e do que, ademais, se incumpren importantes medidas nel contempladas. A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ -que integran máis de 20 organizacións, entidades e colectivos- compareceu esta quinta feira para advertir que a combinación de factores antes mencionada supón “poñer en perigo o futuro dos nosos montes” e do rural.

A Xunta non fixo os deberes, denuncian. Continúa a fiar todo fíao todo á extinción, marxinando a prevención, e destina boa parte do orzamento para combatir o lume a medios aéreos privados e a convenios co exército español. Consecuencia dun Pladiga -Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais– que se elabora sen ter en conta as achegas e voz de colectivos sociais e ambientalistas, de entidades veciñais u de comuneiros e comuneiras.

Lamentan que o informe dos expertos sobre os incendios que esta semana se debateu no Parlamento da Galiza “non cuestione nada” e lembran que o escenario de emerxencia climática obriga a prever un futuro de incendios cada vez máis devastadores. E iso, enmarcan, no contexto dun rural galego onde as políticas da Xunta levan abandono e despoboamento, deixando vía libre así á implementación e desenvolvemento de proxectos agresivos co territorio, desde a megaminería até os grandes parques eólicos.

O monte galego non ten que sufrir só as consecuencias dos incendios ou da extensión de especies como o eucalipto. Debe tamén facer fronte á problemática das pragas como a do nematodo do piñeiro. Despois da súa entrada na Galiza, no sur do país, e de ter que declarar a zona en corentena -coa obriga de retirar toda a madeira afectada-, xa en 2016 a Unión Europea cuestionou as medidas de seguimento, control e trampeo implantadas pola Xunta. 

Fronte ese escenario, a Plataforma afirmou que hai alternativas e propostas para mudar a situación, como a de se centrar na prevención e dotar de máis medios e persoal o combate contra os incendios.

A plataforma convoca para o mes de outubro unha manifestación en Compostela para reclamar outras políticas para o monte e rural galego.

A plataforma constitúena: Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente do Chan-PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), KunterbuntDesign, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.