A primavera recupera a súa festa cos Maios

Maio figurado artístico (á esquerda) e cónico (á dereita), en Pontevedra, nunca imaxe de arquivo (Foto: Manuel Anxo Pérez).
A recuperación da festa dos Maios tivo momentos moi diferentes. Concellos como Pontevedra e Ourense mantiveron sempre a tradición e outros conseguiron que volvera.

A festa dos Maios volve un ano máis á Galiza para lembrar a chegada da primavera. Cunha orixe incerta no tempo, aínda que situada na maior parte de estudos nas civilizacións prerromanas, a celebración tiña como obxectivo afastar as choivas para conseguir boas colleitas após a sementeira, ademais de festexar a fin do inverno e a aparición dos primeiros froitos.

Mantívose durante séculos, aínda que cos cambios que introduciu a Igrexa desde a conversión do reino suevo, adaptando a celebración que arrodeaba a festividade celta de Beltane da noite do 30 de abril. Un exemplo de adaptación foi Ourense, que trasladou a festa ao 3 de maio, coincidindo co día da Santa Cruz.  

Precisamente nesa cidade nunca chegou a desaparecer a tradición, como explica a Nós Diario un dos maiores investigadores sobre o tema, o etnógrafo Clodio González Pérez. "Era tan importante como o Entroido", di. "Tampouco deixaron de realizarse en Pontevedra e nalgunha outra vila galega", recoñece o historiador que aclara que polo camiño a festividade padeceu algunhas mudanzas. “

Despois do golpe de Estado do 36 hai unha decadencia da festa, posibelmente pola característica de contar con coplas que facían crítica do que acontecía na sociedade”, explica, “até o punto de que tiñan que pasar a censura previa”, lembra.

A gran recuperación desta festa chegou coa morte de Franco. “As décadas do 80 e 90 foron a grande época dos Maios e agora noto que estamos nunha segunda decadencia”, asegura. A razón desta última afirmación estaría en que a festividade “sempre se relacionou coa mocidade, con saír a pedir diñeiro ou, nalgúns lugares, castañas.

Agora, fanse cargo os concellos e as asociacións”. O investigador salienta o apartado xeográfico en que se celebra máis, "por exemplo nos concellos de Redondela, Vilagarcía, Poio ou Caldas de Reis" e mesmo "a recuperación do de Verín e Ribadeo". 

Alén do Miño, no norte de Portugal, tamén se mantivo a tradición co nome da Festa das Maias e decorre o 1 de maio. En localidades como Viana do Castelo e Valença do Minho engalanan con flores os edificios públicos. 

A nivel popular, colocan xestas nas portas e xanelas das casas, unha tradición dalgunhas parroquias da Galiza. Da mesma maneira comparten a tradición de colocar tamén xestas nos coches ese día.

Manter as tipoloxías

As figuras que protagonizaban, e protagonizan aínda, a festa dos Maios permiten clasificar estes en figurados (figura en forma de cono ou de calquera outra forma) e en humanos (persoa cuberta de pólas e flores). Manter estas tipoloxías ou recuperalas é fundamental para a continuidade da festa tradicional. 

“Non sempre se conservou a mesma, como é no caso dos humanos, que non abundan moito”, sinala o antropólogo galego que cre que, “hai unha tendencia cada vez maior a recuperar o Maio de Pontevedra ou o de Ourense, de figura cónica”.

Un exemplo é o de Santiago, onde “o Maio está documentado desde o século XIX coa figura humana e tentaron recuperalo, sen conseguilo, coa figura cónica”.