A primavera comeza esta segunda feira: velaquí todo o que precisas saber

A devesa do Cervo na primavera. (Foto: Colectivo Xea).
Segundo informa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a primavera finalizará na tarde do vindeiro 21 de xuño.

A estación primaveral comezará esta segunda feira, 20 de marzo, ás 22.24 horas e prolongarase durante case 93 días até as 16.58 horas do 21 de xuño. O seu inicio prodúcese cando o Sol pasa polo punto ‘Aries’, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste. Nestes días, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.

“O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e despois do solpor, a claridade supera a escuridade”, relata o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

Típicas da primavera son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas, as cales teñen os seus máximos os días 23 de abril e 6 de maio, respectivamente. Así mesmo, entre o 21 e o 26 de maio haberá unha aliñación, após o solpor, da Lúa cos planetas Venus e Marte.

No amencer do 14 de xuño, o planeta Xúpiter estará a menos dun grao da Lúa e, durante os vindeiros meses, haberá dúas oportunidades para observar a simple vista o planeta Mercurio. Será en torno ao 11 de abril logo do solpor e sobre o 29 de maio antes da saída do Sol. Ningunha das dúas eclipses previstas para a primavera van ser visíbeis desde a Galiza.

O 20 de abril vaise producir unha eclipse híbrida (total-anelar) de Sol que poderá ser seguida en Oceanía, suroeste de Asia, na Antártida e mais nos océanos Índico e Pacífico.

Por outra parte, o 5 de maio terá lugar unha eclipse penumbral de Lúa cuxo final será teoricamente visíbel no resto do Estado español. En relación co cometa C/2022 E3 (ZTF), estes días aínda pode verse telescopicamente cara ao oeste, ao anoitecer, pero despois irase afastando definitivamente.

Resumo do inverno

“Remata en Compostela un inverno que pode considerarse normal tanto en relación á pluviosidade como ás temperaturas”, afirma o profesor Docobo. Os últimos dez días de decembro e todo o mes de xaneiro estiveron na liña do chuvioso outono. Son destacábeis os 220,8 litros/m2 medidos entre o 22 e o 31 de decembro, con especial énfase nos días 23 (55 l/m2), 24 (46 l/m2), e 31 (31 l/m2). En xaneiro, recolléronse 251 l/m2.

A chegada do anticiclón fixo que febreiro fose seco con só 25 l/m2, malia que as chuvias volveron en marzo sumando máis de 100/m2. A suma total da estación que agora remata está perto da media, sobre 600 litros/m2. Neste inverno tan só se rexistrou un día con temperatura negativa na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Foi o 2 de marzo con - 0º2, se ben outras seis xornadas (tres en febreiro, dúas en xaneiro, e outra en marzo) estiveron a piques de conseguilo.

A temperatura máxima do inverno tivo lugar o 23 de febreiro cando se chegou aos 23º. Tamén deben salientarse as temperaturas máximas por encima dos vinte graos en outros días de febreiro: o 17 (22º2), e o 19 (20º5).

A máxima máis baixa aconteceu o 17 de xaneiro con só 8º5, en tanto que a temperatura mínima máis alta correspondeulle ao 22 de decembro con 14º2.