Eira da Xoana celebra o solsticio de inverno cunha xornada en Agolada

A partir desta cuarta feira os días comezan a medrar e desde esta fundación nacida a partir da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) queren celebralo cunha xornada na propia Eira da Xoana, en Ramil (concello de Agolada).
A Eira da Xoana en Agolada (Foto: Eira da Xoana).
photo_camera A Eira da Xoana en Agolada (Foto: Eita da Xoana).

"Cada ano, o sol triunfa", así nos lembra a Fundación Eira da Xoana a chegada do solsticio de inverno.

A partir desta cuarta feira os días comezan a medrar e desde esta fundación nacida a partir da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) queren celebralo cunha xornada na propia Eira da Xoana, en Ramil (concello de Agolada).

As actividades terán lugar a partir das 17 horas e comezará cun primeiro encontro entre todas as persoas asistentes.

A partir de aí, ás 17.45 haberá unha subida a pé ao lugar coñecido como O Coto. Unha vez chegados, o profesor André Penha Granha dará unha palestra sobre a celebración do solsticio no mundo celta.

Despois diso, ás 19.30 horas farase a coñecida como queima do toro de nadal. Despois, ás 20 horas, haberá unha cea de convivio na que cadaquén levará a súa comida para compartir.

Teatro, música e humor

O tranvía Leonardo de Fantoche Baj continuará a xornada, unha peza de teatro de narración oral para a infancia con monicreques e música en que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor da Galiza.

O día finalizará coa actuación de Bico da Balouta, o monólogo de Lois Pérez, o gaiteiro Raúl Galego, o músico Xosé Mosqueira, a música de Mero e o dúo poético musical Curra e Eladio.

A queima do tronco

Na xornada, levouse a cabo a queima do tronco. Esta tradición, a de queimar o tronco, tamén chamada 'tizón de Nadal' ou 'cepo de Nadal', consiste en prender un toro de madeira na lareira, previamente varrida e limpa, para destruír o vello e dar paso ao novo.

Este costume tamén se leva a cabo noutras partes de Europa e está ligado a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Ademais, está considerada unha das tradicións máis antigas do Nadal. 

Entre os pobos celtas, existía o costume de deixar a candea desta particular fogueira acesa en hora á deusa Nai Terra. Segundo a tradición, a candea debía arder doce horas para traer boa sorte. Na Galiza, o madeiro debe ficar aceso na lareira até Aninovo.

Unha vez realizada a queima do tronco de Nadal, a xornada deu paso á cea de convivio, seguida da obra de teatro O tranvía Leonardo de Fantoche Baj. O evento culminou con diferentes actuacións que amenizaron o resto da noite. 

Comentarios