O prezo medio da luz duplícase e superará os 200 euros/MWh esta segunda feira

Este 6 de decembro o prezo da luz multiplica por cinco o de hai un ano (Foto: Europa Press).
O custo máximo rexistrarase entre as 20 e as 21 horas

Malia a ser festivo, caer a actividade económica e tamén a demanda enerxética, esta segunda feira o prezo da electricidade volverá superar, de media, os 200 euros no mercado maiorista, o dobre do rexistrado este domingo.

Segundo datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE), a luz custará este 6 de decembro 209,78 euros/MWh, un 105,73% máis que este domingo, xornada na que o prezo caeu até os 101,97 euros/MWh.

O prezo máximo da luz para esta xornada darase entre as 20 e as 21 horas. Alcanzará os 273,61 euros/MWh, mentres que o prezo mínimo situouse en 177,37 euros/MWh entre as 5 e as 6 da madrugada.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores en todo o Estados, e serve de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano.

O prezo desta segunda feira, 6 de decembro, será un 424,64% máis caro que o rexistrado hai xusto un ano, cando a luz custaba 39,99 euros/MWh.

Novembro, segunda factura máis cara da historia

O recibo eléctrico dun usuario medio coa tarifa regulada situouse en novembro en 115,18 euros, un 68,1% por encima dos 68,50 euros do mesmo mes do ano pasado, sendo así a segunda factura máis cara da historia tras a do pasado outubro, segundo datos de Facua, Consumidores en Acción.

Desta maneira, a asociación considera que a factura eléctrica de decembro tería que ser negativa para que se cumprise a promesa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que este ano os consumidores pagarán o mesmo que en 2018 unha vez descontado o IPC.