O prezo da vivenda sobe 3,3% en xaneiro

Núcleo de vivendas na Coruña. (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).

O prezo medio sitúase por riba dos 1.700 euros / metro cadrado

O prezo da vivenda subiu en xaneiro 3,3% na Galiza en relación ao mesmo período do ano pasado, segundo os datos do Índice Inmobiliario Fotocasa. Con todo, en comparación ao mes anterior houbo unha variación do -0,4 por cento, cun prezo de 1.713 euros o metro cadrado. En relación ao valor interanual, é o quinto incremento en cadea.

Nas catro provincias sobe o prezo interanual da vivenda no mes de xaneiro. As que rexistran máis suba son Pontevedra (5,8%), Lugo (2,3%), A Coruña (1,3%) e Ourense (0,7%).

En canto aos prezos, Pontevedra é a máis cara con 2.060 euros/metro cadrado, seguida da Coruña con 1.660 euros/metro cadrado, Ourense con 1.449 euros  e Lugo con 1.241 euros/m2.

En tres das catro capitais de provincia con variación interanual sobe o prezo en xaneiro respecto ao ano anterior. As capitais con incrementos son Pontevedra capital (8,5%), Ourense capital (3,1%) e A Coruña capital (2,7%).

Respecto aos prezos, a capital de provincia máis cara é A Coruña con 2.615 con euros/metro cadrado, seguida de Pontevedra capital con 2.094 euros/metro cadrado; Ourense con 1.587 euros/metro cadrado e Lugo capital con 1.382 euros/metro cadrado.

O prezo medio da vivenda de segunda man sobe 73% nos 37 municipios con variación interanual analizados por Fotocasa. En sete (19%) dos municipios sobe o valor interanual da vivenda por riba do 10% e son Burela (21,6%), Vilagarcía de Arousa (20,8%), Viveiro (19,1%), Foz (14,9%), Salvaterra de Miño (14,4%), Oleiros (12,9%) e Miño (12,3%). Doutra parte, o municipio no que o prezo da vivenda interanual que máis descendeu de prezo é Poio (-8,5%).

En canto ao prezo por metro cadrado en xaneiro entre as máis caras están Baiona, con 2.841 euros/m2 e Sanxenxo con 2.738 euros/metro cadrado. Doutra parte, os municipios máis económicos son Vilalba con 728 euros/m2, Verín con 778 euros/m2, Monforte de Lemos con 816 euros/m2, Sarria con 862 euros/m2 e Xinzo de Limia con 890 euros/m2.

Figuran tamén Fene 923 euros/m2, Lalín con 959 euros/m2, A Cañiza con 963 euros/m2, Carballo con 964 euros/m2, O Carballiño con 966 euros/m2, Burela con 969 euros/m2, O Barco de Valdeorras con 976 euros/m2 e Narón con 979 euros/m2.