Os "prexuízos" e a discriminación pola idade a debate no Carballiño

A idade pode dar lugar a discriminación (Foto: CCG).

O Consello da Cultura e a Valedora do Pobo organizan, en colaboración co Concello do Carballiño, un encontro o día 8 de febreiro sobre o idadismo ou discriminación por cuestión de idade.  

A diferencia de idade pode dar lugar a discriminación e mesmo a prexuízos. Con esta idea o Consello da Cultura Galega xunto á Valedora do Pobo, en colaboración co Concello do Carballiño, organizarán esta terza feira 8 de febreiro unha xornada de debate para afondar neste tema.

A proposta é debater sobre a discusión que se presenta en relación a cando, na sociedade actual, se pode considerar unha persoa maior ou madura, cal debe de ser o alcance das políticas de envellecemento activo ou sobre a lexitimidade das xubilacións.

Estas "polémicas" teñen o seu reflexo nas normas xurídicas e interpretacións xudiciais como as que determinan que a tutela "non sexa equiparábel a outras causas de discriminación", posto que conciben as medidas de apoio das persoas maiores desde unha perspectiva do seu mellor interese "e non necesariamente desde a vontade, desexos e preferencias" do propio colectivo.

Os prexuízos socioculturais asociados a certas idades asúmense "como normais", coa consecuente invisibilidade de situacións derivadas, entre as que hai que destacar a xurídica, xa que a idade "non se viu recoñecida como causa de discriminación" até hai pouco.

Sen protección diante a discriminación

O programa do debate explica que a idade semella ser a causa de discriminación "máis degradada por culpa das súas excepcións, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación" e a que, polo tanto, recibe "unha menor protección".

No foco, sitúan os "estereotipos, porta de entrada do estigma, da etiquetaxe e da conduta discriminatoria" con respecto ás persoas maiores.

Por este motivo, estas xornadas xorden coa idea de "recuperar o enfoque dos dereitos humanos" fronte ás condutas idadistas, que proclaman un "trato respectuoso e digno" inherente ao ser humano.

A independencia, os coidados, a auto realización e a dignidade son outros dos conceptos que completan unha xornada que quere chamar a atención sobre a necesidade de, do mesmo xeito que en cuestións como raza ou dependencia, alcanzar acordos de ámbito universal que sirvan tamén de "inspiración" para a lexislación interna dos países.

O programa

A xornada terá lugar no auditorio do Carballiño e comezará ás 16.30 horas. Coordinada por Rosa Arcos Caamaño e María Xosé Porteiro, contará coas intervencións inaugurais das titulares de ambas as institucións, Rosario Álvarez e Dores Fernández Galiño -que tamén contará cunha conferencia na xornada-, respectivamente, xunto co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

No programa figuran Andrés Vázquez García, estudante do Grao de Dereito da USC para abordar os dereitos das persoas maiores; Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito do Traballo da Uvigo, para tratar a discriminación de mulleres maiores; e Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 de Decembro, para abordar a discriminación do colectivo LGTBI.

Pola súa banda, Xaime Fandiño, promotor do proxecto Innovación Social Interxeracional: Deteriorados, abordará un relatorio titulado sobre o concepto "aprendendo a envellecer".