Opinión

Outra alternativa para @s maiores

“... O inverno da emigración roubounos a primavera, quen eu era xa non son e ti non és a que eras”.

Aló polo 1978 escoitábase por todo o país un laio que che conxelaba a alma, que describía a tristura que deixaba a emigración nos nosos pobos, o desalento de quen tiveron que vivilo. Era o cantar de Fuxan os Ventos dun poema de Marica Campos, e non rematou aí:
Fomos testemuñas dun alarmante desequilibrio poboacional, de como comunidades fortes e ben estruturadas foron perdendo folgos á mesma velocidade que habitantes.

Unha consecuencia é a situación na que foron quedando as persoas maiores na montaña, neste caso en Cervantes, e foise tentando buscar respostas acaídas.

Partimos dunha condición para nós irrenunciable, que as persoas maiores sexan protagonista activas no seu futuro. Saben mellor que ninguén cales son as súas carencias e como lles gustaría que fosen as solucións. 

Comezamos cun proxecto, co obxectivo de recoller a opinión da veciñanza. Houbo moita escoita activa, vistas a domicilios para ir perfilando as accións. Unha das ferramentas máis útiles foi unha enquisa que pasamos a 187 persoas maiores que tiña como primeira pregunta ¿onde che gustaría pasar os últimos anos da vida?, a resposta foi unánime, NA MIÑA CASA.

Partindo disto comezamos a camiñar nesta dirección afianzando cada vez máis a crenza de que é posible que podan vivir na súas casas dun xeito digno. Para que isto se produza son necesarios dous factores:

A familia e a veciñanza como eixo central:

As e os fillos vense desbordados: os traballos, a familia, a distancia, son dificultades engadidas a xa de por si complexa situación dos país-nais. Precisan apoio para facer fronte a todas estas complexas situacións.

É necesario apoiar e dinamizar as comunidades para que volvan a recuperar a implicación e compromiso coas persoas que necesitan axuda, son imprescindibles á hora de dar respostas na inmediatez e proporcionar seguridade para as e os maiores afrontar con outra tranquilidade o de vivir soas ou sós.        

Artellar unha rede de servizos á carta partindo dunha diagnose consensuada polas persoas maiores e polas e polos técnicos responsables do proxecto.

Horas suficientes de axuda no fogar relativas á hixiene persoal, lavado de roupa, limpeza da casa, elaboración de menús equilibrados.

Transporte subvencionado para calquera desprazamento. O Concello de Cervantes ten 276Km2 e carece de transporte público.

Acompañamento a hospitais. Acompañamento a outro tipo de xestións: oficinas bancarias, casa do Concello, farmacia, centro de saúde… centralizados na cabeceira do concello. Abastecemento de leña para o inverno…

A execución do proxecto levase a cabo da seguinte maneira:

As persoas maiores son quen decide que vai levar a cabo o servizo de axuda no domicilio. Son veciñas coas que teñen un alto grao de confianza e fainas sentir acompañadas, protexidas, queridas, coidadas... Son mulleres que traballan nas explotacións familiares, no coidado da familia e que poden compatibilizar isto co coidado dalgún veciño ou veciña e polo que recibe unha remuneración económica.

Xeralmente cada maior ten unha coidadora, estes servizos son de altísima calidade, xa que dáse unha atención moi personalizada. Son mulleres que contan coa formación requirida para este traballo, e con toda a experiencia que dá o coidar dos nosos maiores dende sempre. Este tipo de servizos axuda a que algunhas persoas novas decidan non marchar da zona.

Atendendo ás “recomendacións” de diversificación económica no rural, parece que esta pode ser unha peza máis, aínda que a día de hoxe non se recoñece como tal.

As opcións que consisten en arrancar as e os maiores das súas casas para ingresalas en institucións deberían ter outros modelos de traballo alternativos. Este que acabamos de explicar pode ser un deles. Hai situacións nas que resulta imposible proporcionar os coidados precisos na casa, neste caso sería necesario o ingreso en residencias.

Nunha etapa complexa da vida, onde a mingua das facultades é un denominador común, parece dunha extrema crueldade sumar a ruptura con todo o que lles é próximo, querido e de seu.

Comentarios