A prevención de lumes progresou "moi pouco" desde 2017, e estes cada vez son "máis graves"

A alcaldesa de Folgoso do Courel apunta que o lume que afectou o municipio este sábado foi "intencionado" (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Medio Rural atribúe varios dos incendios da fin de semana aos máis de 3.900 lóstregos que caeron sobre Galiza.

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou nesta segunda feira o libro Unha nova xeración de lumes? Actas do coloquio galaico-portugués sobre incendios forestais, coordinado por Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, a raíz da serie de conferencias que se realizaron en xaneiro de 2018 tras as vagas de lumes que axexaran Galiza e Pedrógão Grande (Leiria, Portugal) uns meses antes. Do incendio en territorio luso fanse esta semana catro anos.

Con base nesta publicación, Díaz-Fierros apunta que a loita contra as lapas "mellorou moitisimo" nos últimos anos, debido aos coñecementos que adquiriu o persoal técnico da Galiza; porén, en materia de prevención lamenta que se ten progresado "moi pouco".

Neste senso, o libro recolle diferentes artigos coma o do enxeñeiro forestal da Universidade de Vigo Juan Picos Martín, quen sinala que nas políticas sobre o territorio rural "debería facerse especial fincapé na xestión da carga de combustíbel".

As persoas expertas tamén advirten do fenómeno que se está a producir na actualidade: hai unha nova xeración de 'megaincendios' cuxos efectos son "moito máis devastadores".

Pola súa banda, Luciano Lourenço, investigador e xeógrafo da Universidade de Coimbra, afirma que os lumes de 2017 foron "un aviso do que pode suceder nos vindeiros anos se non se reacciona como sociedade", xa que considera preciso actuar "con firmeza" ante esta grave problemática.

Aliás, Francisco Díaz-Fierros indica que hoxe danse "unhas condicións moito máis graves na ignición e propagación do lume", cunha intensidade que "fai imposíbel a súa detención", mentres "se alonga o tempo" no que o risco de incendios é elevado: na Galiza aumentou de tres a catro meses.

O domingo caeron máis de 3.900 lóstregos

Os incendios castigaron Galiza esta fin de semana. Algúns deles, coma o de Folgoso do Courel, que arrasou case 200 hectáreas, terían sido intencionados —segundo denunciou a alcaldesa do concello, Lola Castro—.

Outros, como defende o conselleiro de Medio Rural, José González, foron consecuencia dos 3.922 lóstregos que caeron sobre Galiza o domingo, na súa meirande parte entre as 20 e as 21 horas, segundo informou MeteoGaliza nesta segunda feira. Este sería o caso do incendio que queimou 400 metros cadrados do monte de San Alberte.