Confirmado o asasinato da muller de Ribeira como un caso de violencia de xénero

Efectivos da Policía científica no lugar onde tivo lugar o asasinato machista (Foto: Europa Press)

A arma utilizada, un coitelo, atopouse no piso no que o presunto agresor, ingresado na UCI do CHUS, tentou tamén suicidarse

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, dependente do Ministerio de Igualdade, confirmou que o asasinato da muller de Ribeira (comarca do Barbanza) desta terza feira trátase dun caso de violencia de xénero.

Así o informaron a través das súas redes sociais e en comunicado no que ratifican que existían denuncias previas por violencia de xénero contra o presunto agresor por parte doutra parella. Tamén fixo referencia a esta información o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, no minuto de silencio que se gardou esta mañá fronte á sede da Delegación na Coruña.

Coa confirmación deste caso, apuntan, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero no Estado ascende a sete en 2024 e a 1.247 desde 2003, cando se empezaron a recompilar estes datos. O número de menores de idade orfos e orfas por violencia de xénero ascende a 8 en 2024 e a 440 desde 2013.

Ademais, este é o primeiro caso de violencia de xénero na Galiza no que vai de ano.

O suceso tivo lugar este martes, ao redor das 17,30 horas, nunha vivenda de rúa Doutor Torres, en Palmeira, Concello de Ribeira.

Após supostamente matar ao seu ex parella, coa que tiña un fillo de dous anos a cargo actualmente de familiares, o home tentou quitarse a vida e foi trasladado ao Hospital de Barbanza.

Agora atópase ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), na Unidade de Coidados Intensivos. Con todo, o delegado do Goberno, Pedro Branco, precisaba esta mañá que segundo os últimos datos que manexaban, "non se teme" pola súa vida do presunto agresor.

Fontes próximas ao caso confirmaron tamén que a arma do crime, un coitelo, estaba na vivenda na que sucederon os feitos e que está en mans da Policía para proceder á súa análise e toma de mostras.