O preso independentista Roberto Fialhega leva máis de 3.600 horas en ”illamento absoluto”

Desde outubro está sen poder ter contacto con outros presos, denuncian organizacións solidarias, que cualifican de “tortura psicolóxica” e de “ilegalidade” a situación á que está sometida este vigués, preso na cadea de Villanubla, en Valladolid.

Roberto Fialhega ‘Teto, leva meses sometido a illamento absoluto pola Dirección xeral de Institucións Penitenciarias (DXIP). Así o denuncian organizacións como Que Voltem para a Casa! ou Ceivar. Explican que este mozo vigués detido a finais de 2011 está sen compaña algunha e as únicas voces que pode escoitar son“as dos carcereiros polo interfone”. Así leva desde que a mediados do ano pasado ficaron en liberdade os presos vascos cos que partillaba módulo penitenciario na cadea de Villanubla, en Valladolid, a máis de 400 quilómetros do seu domicilio. Unha situación na que leva xa máis de cinco meses, máis de 3.600 horas.

Desde entón ‘Teto’ está só nun módulo de illamento. Para os colectivos antes citados, estamos perante unha situación “que mina psicoloxicamente a calquera persoa” e que organismos de defensa de dereitos humanos non teñen dúbida algunha en cualificar de “inhumana”.

Ilegal

“A situación de ‘Teto’ é ilegal para a propia lexislación española”, afirman desde Ceivar. Poñen de exemplo que o xuíz de vixilancia penitenciaria recoñeceu a unha presa vasca en situación similar á do preso independentista galego, Arantxa Zulueta, a ilegalidade do seu estado. Porén, ese mesmo maxistrado denegou a Fialhega unha queixa no mesmo sentido.

Que explicación ten esa diferenza no trato? A ‘lexislación de excepción’ que se aplica aos presos independentistas, segundo definición empregada por  organizacións solidarias e avogados. Roberto Fialhega pola súa condición de condenado por integración en banda armada está cualificado no máis restritivo de todos os graos que se aplican en prisión, o primeiro grao. Dentro desa categoría hai dous ‘niveis’: primeiro e segundo. Os presos independentistas galegos, como ‘Teto’, están no segundo (artigo 91.2 do Rexime Penitenciario). No RP estipúlase que os internos “gozarán, como mínimo, de 4 horas diarias de vida en común”.

A prisión de Villanubla, “que reconhece que Teto nom deveria viver em isolamento absoluto”, alega que non conta cun módulo de primeiro grao, nin con outros presos na mesma clasificación que Roberto Filahega. “Portanto, mantém-no no módulo de isolamento”.

Mais para poñer fin a esta situación habería dúas medidas doadas de adoptar por Institucións Penitenciarias (IIPP), sinalan avogados e organizacións solidarias: o traslado do preso a un cárcere con módulos do mesmo grao no que el está clasificado. Ou ben aplicar o artigo  100.2 do Réxime Penitenciario, que permite a aplicación de réximes de vida diferentes à clasificación. Unha medida que IIPP si ten adoptado con presos vascos. Causa Galiza solicitou ao goberno español a suspensión do réxime de illamento ao que está sometido o preso independnetista.