“Trasladar os presos independentistas a Galiza é cumprir un dereito”

Imaxe: GZ Contrainfo

O 4 de febreiro ten lugar unha nova Marcha às Cadeias, e van 11, para reclamar a fin da dispersión para os presos galegos, unha práctica que vulnera dereitos e lexislación española e europea. Falamos con organizadores dunha iniciativa que pon o dedo na chaga: familiares e amigos destas persoas presas percorreron durante estes anos para poder visitalos o equivalente a dar 33 veces a volta á terra.

“Que os presos independentistas sexan trasladados a Galiza non é unha petición radical é simplemente que se cumpra un dereito”. Iria Calvelo é unha das persoas involucradas na ‘Marcha às Cadeias’, a iniciativa que fai este ano a súa edición número 11 e que decorrerá o vindeiro 4 de febreiro, organizada pola plataforma de familiares e amigos dos presos, Que Voltem à Casa! Ese día varios autobuses partirán en 2 columnas desde diferentes puntos de Galiza para desprazarse até as cadeas españolas onde cumpren condena ou agardan xuízo presos independentistas galegos. “É moi emocionante”, recoñece Iria, pois nesa xornada a “solidariedade” chama á porta das prisións.

A dispersión vulnera, afirman, artigos da constitución española, do regulamento penitenciario e do convenio europeo de dereitos humanos, entre outros

A Marcha ten unha demanda que se mantén ao longo destes 11 anos: a fin das políticas de dispersión e o traslado a Galiza dos presos independentistas. ‘Traze-las para à casa!’ é a palabra de orde de cartaces, faixas e murais que apoian a iniciativa. Os propios presos cursaron nestas últimas semanas perante Institucións Penitenciaras e Valedor do Pobo os seus respectivos escritos solicitando ser trasladados a cadeas en Galiza.

Vulneracións

Desde Que Voltem! lembran que a dispersión vulnera os artigos 25.2 e 91 da constitución española, así como o artigo 4.2 e) do regulamento penitenciario e diferentes convenios e tratados internacionais, como o convenio europeo para a protección dos dereitos humanos ou as coñecidas como ‘Regras Mandela’, aprobadas en asemblea xeral pola ONU. “Afástase ao preso do seu lugar de residencia, das súas familias e entorno”, denuncia Iria. Unha condena a maiores da condena imposta polo propio tribunal.

A maiores, coa dispersión púnese a familias e amizades. “Telos a centos de quilómetros da casa implica para poder velos moitos gastos económicos, implica que hai xente que, por exemplo non vai poder visitalos pois non pode facer eses desprazamentos tan longos, como poden ser os avós”.

Nestes anos, familias e amigos dos presos gastaron 185.000 euros en visitar os presos nas cadeas españolas, cifran desde Que Voltem!

Segundo os propios cálculos feitos desde esta asociación, de sumar as visitas feitas ao longo destes cinco anos aos presos independentistas daría que familiares e amigos percorreron máis de 1.333.000 quilómetros, o equivalente a 33 voltas á terra. O custo económico cífrano nos 185.000 euros.

Para facer fronte aos gastos da XI Marcha, Que Voltem impulsou unha campaña de crowdfunding.

FIES

Outra demanda das familias e amizades é a fin do “réxime de castigo” que denuncian que se aplica nas prisións aos presos independentistas galegos.  Desde que unha persoa detida en Galiza baixo a acusación de integración ou colaboración con organización armada entra en prisión é obxecto de aplicación por sistema, e así se evidenciou ao longo de todas estas décadas, de dúas medidas punitivas a maiores da derivada da decisión xudicial e da dispersión: a súa clasificación como Fies. A aplicación do réxime Ficheiros de internos de especial seguimento (Fies). Non todos os Fies son presos independentistas mais si que se aplica este réxime a todos os presos independentistas.

Hai activa unha campaña de crowdfunding para axudar a facer fronte aos gastos da Marcha

Os presos independentistas están sometidos ao Fies 3, o que se aplica ao que a xustiza xulga por integrantes ou colaboradores de 'bandas armadas'. En base a esta cualificación, controlaránselle os traslados, as incidencias e visicitudes penais, procesais e penitenciarias, as persoas que os visitan, os avogados cos que falan, os internos cos que se relacionan...Todo isto recóllese en partes minuciosos que periodicamente se comunican á Dirección xeral de Institucións Penitenciarias. A aplicación do FIES implica que se lles intervirán por sistema as comunicacións, poden ser cambiados de celda cada pouco e sen explicacións, o control dos carcereiros é constante, son sometidos a varios cacheos cada día e poden ser sometidos a 'isolamento', confinados nas súas celdas sen apenas dereito a saír delas.

O Tribunal Supremo, nunha sentenza de 2009, consideraba que o réxime FIES era “nulo de dereito”, pois regulaba e restrinxía dereitos fundamentais non por lei ou regulamento senón por  instrumentos que carecen da categoría de norma, e polo tanto, que non ofrecen as garantías e publicidade que acompañan a actividade normativa. Non cuestionada o fondo mais si a forma.  O Ministerio do Interior reformou en 2011 o regulamento penitenciario. Cambiou a forma mais mantivo o fondo. Porén, desde o Comité contra a Tortura da ONU continúan a amosar a súa preocupación polos presos clasificados neste rexime, pois entenden que pode constituír unha práctica de tortura.