Os presos independentistas piden a Institucións Penitenciarias o traslado a un cárcere en Galiza

No que vai de ano familiares e amizades sumaron 273.000 quilómetros percorridos para podelos visitar en cadeas españolas. O equivalente a 7 voltas ao mundo

Os presos independentistas galegos iniciaron unha campaña polo seu traslado a cárceres en Galiza, un paso co que procuran que se poña fin á política de dispersión que se lles aplicou desde o mesmo momento das súas respectivas detencións. Ao longo das vindeiras semanas, e a medida que cada un dos presos teña revisión da condena, remitirán un escrito á Dirección xeral de Institucións Penitenciarias no que solitcian ser trasladados a Galiza. Un dereito, o de cumprir pena o máis próximo posíbel ao seu domicilio, recoñecido na propia lexislación española embora sexa negado de forma sistemática aos presos independentistas.

Para acompañar esta demanda, desde a asociación de familiares e amizades 'Que Voltem à casa!' impulsan unha campaña de información e sensibilización sobre a realidade da dispersión e as súas consecuencias. “Só em 2016 percorrimos 272.892 kilómetros e gastamos a elevada suma de 35.948 euros”, afirman, para poder visitar os presos independentistas. Eses case 273.000 Km son os que tiveron que percorrer as amizades e familiares destas persoas presas para poder visitalas, visitas que son 40 minutos e unha vez á semana.