Presentan alegacións aos proxectos de parques eólicos Caíño e Brancellao

Parque eólico do Sil, en Nogueira de Ramuín (Foto: Iberdrola).
Nas alegacións, presentadas polo BNG, trasladaron a súa preocupación pola tramitación destes parques que suporían a instalación de 58 novos aeroxeradores na comarca de Ordes.

O BNG anunciou que presentará alegacións aos proxectos de parques eólicos Caíño e Brancellao, que está tramitando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). "A pasada semana sometéronse a exposición pública dous novos proxectos de 'megaparques' eólicos – Caíño e Brancellao, os dous da multinacional Enel Green Power e que van afectar aos concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Guitiriz e Abegondo o PE Caíño e a Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral o Brancellao", explicou a responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Cristina López.

“Estes proxectos afectan a concellos como Oza-Cesuras, Aranga ou Abegondo onde xa se estaban tramitando outros parques eólicas,  liñas de alta tensión e subestacións. Existe un importante descontento veciñal pola tramitación destes proxectos a escasa distancia das vivendas e cun importante impacto no patrimonio tanto natural como cultural", engadiu Cristina López. "Serían 187 MW e 140 MW respectivamente en concellos xa tremendamente castigados por estes proxectos", indicou.

Desde o BNG trasladaron a súa preocupación pola tramitación destes parques que suporían a instalación de 58 novos aeroxeneradores —33 o PE Caíño e 25 o PE Brancellao— que se virían sumar aos 40 que xa se están tramitando nos 6 parques proxectados no Monte do Gato e outros que se están tramitando nesta zona.

Desde o BNG anunciaron que presentarán alegacións a estes proxectos, como xa fixeron cos anteriores parques proxectados nesta zona.

A subestación de Abegondo

"O parque eólico Caíño iría a conectar á subestación de Abegondo. O proxecto desta subestación foi publicado polo Miteco no ano 2016, a promotora é Rede Eléctrica de España, e foi sometido a consultas ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental. No entanto o proceso finalizou aí, sen ser publicado o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa", explicaron desde o BNG. 

"Nada se sabe sobre o seu emprazamento definitivo, nin sobre a súa viabilidade e despois de que os parques eólicos que tramita Greenalia diante do Ministerio afirmaran que conectarán nesta subestación. Desde o BNG presentamos alegacións e unha iniciativa no Congreso a través do noso deputado Néstor Rego", concluíu López.

O parque Caíño afectaría os concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz; o de Brancellao, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral.