O BNG desbotará a nova reforma laboral no Congreso por non "recuperar nin avanzar en dereitos"

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, incide en que -co acordo asinado esta quinta feira pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, UXT, CCOO e os empresarios- o Goberno do Estado español "incumpre o compromiso de derrogar a reforma laboral" que impuxera o PP.
O deputado nacionalista Néstor Rego durante unha  intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego durante unha intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego quere ter tempo para analizar polo miúdo a nova reforma laboral que asinaron esta quinta feira o Executivo do Estado español, CCOO, UXT e a patronal dos empresarios antes de entrar en amplos debates, mais xa ten claro e advirte ao Goberno de Pedro Sánchez de que non avalará no Congreso un texto que só "actualiza" as reformas do PP "mantendo os aspectos máis lesivos e problemáticos" do regulamento estabelecido en 2012.

Desta maneira, o deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, vén de comunicar que votará en contra da mudanza ao considerar que non axudará a "recuperar nin avanzar" en dereitos laborais.

Fontes nacionalistas incidiron nese discurso ao explicar que "o documento acordado non só non posibilita avanzar en dereitos laborais senón que tampouco recupera os roubados nos anos 2010 (coa reforma do PSOE) e 2012 (coa do Partido Popular)".

Por exemplo, non hai cambios na redución da indemnización por despedimento por causas obxectivas. Aliás, os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) tampouco terán que pasar pola autoridade laboral, "un dos elementos que deixa os traballadores e traballadoras máis indefensas fronte ás empresas e que facilitan casos como o recente de Vestas en Viveiro".

O acordo alcanzado no marco do chamado "diálogo social" -do que están excluídos os sindicatos nacionais de clase da Galiza e Euskal Herria (CIG, ELA e LAB)- a pesar de teren a condición de "máis representativos", non aplica grandes cambios nas pautas para a negociación colectiva, explica Rego.

"Tamén se mantén, excepto nos salarios, a prevalencia dos convenios de empresa frente aos de sector, mesmo que estes empeoren as condicións laborais. Afecta cuestións como as pagas extraordinarias, os horarios e a distribución do tempo de traballo ou as medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal, entre outras", lamenta o Bloque.

Así mesmo, detecta que se abre unha nova porta á explotación da mocidade. Por todo isto, e a falla de facer unha revisión máis ampla do documento que chegará ao Congreso, acusan o Goberno do Estado español de "faltar ás promesas e aos compromisos estabelecidos, mesmo por escrito", ao non derrogar a reforma laboral.

A fronte segue a demandar a derrogación íntegra das reformas impostas en 2010 e 2012.

Comentarios