Defensa da ría

Unha nova marcha contra Celulosas e o futuro de Ence pende dun fío

Marcha contra celulosas [Imaxe: Galiza Nova]

Desde as alamedas de Marín e Pontevedra sae a anual marcha contra Celulosas convocada pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra. Esixen o cumprimento da Lei de Costas e a defensa dos sectores produtivos. A pasteira atópase ás portas da súa marcha ao goberno central decidir non defenderse fronte os recursos contrarios á prórroga de 60 anos que Raxoi concedeu a Ence.

A concesión obtida en 1958 por Ence para a explotación da pasteira no seu enclave actual na ría de Pontevedra caducou o pasado 28 de xullo de 2018. Porén o goberno de Mariano Raxoi en funcións outorgou máis unha ampliación da prórroga, desa volta por 60 anos. Tres recursos apresentáronse a esta decisión política, e o goberno central rexeitou defenderse, o que sitúa Ence na corda frouxa.

Desde a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que organiza para este domingo 16 de xuño a anual marcha contra Celulosas con saída ás 12 horas desde as alamedas de Marín e Pontevedra, esixen o cumprimento da Lei de Costas de 2013 e da xurisprudencia existente ao respecto das prórrogas en dominio público marítimo terrestre. Por tanto, e en coherencia coas mesmas, a APDR demanda a anulación definitiva desa prórroga de 60 anos concedida ilegalmente a Ence no 2016 cando Mariano Raxoi se atopaba en funcións na presidencia do goberno do Estado.

APDR esixe que a empresa devolva a zona ocupada á situación en que se atopaba previa a súa chegada a Lourizán

Así mesmo, esixen que a empresa devolva a zona ocupada á situación en que se atopaba previa a súa chegada a Lourizán. Desde a APDR tamén reclaman que, de Ence querer instalar outra fábrica na Galiza, a nova localización non prexudique a explotación dos recursos naturais nin a economía da zona, e empregue unha tecnoloxía respectuosa co medio e cunhas esixencias de vertido e emisión á atmosfera máis estritas e que garantan a calidade de vida e a saúde das persoas.

O futuro de Ence está na corda frouxa cos tres recursos apresentados

A mesma lexislación que a APDR reivindica que se cumpra é na que tamén se baseou a avogacía do Estado para a elaboración do seu informe que serviu para que o goberno central de Pedro Sánchez decidira non defenderse fronte os recursos contrarios á prórroga de 60 anos a Ence.

A Audiencia Nacional tramita os tres procedementos que solicitan a nulidade da resolución de Raxoi que outorgou a prórroga

É a Audiencia Nacional quen tramita os tres procedementos que solicitan a nulidade da resolución de Raxoi que outorgou a prórroga. Trátase de tres peticións formuladas polo Concello de Pontevedra, pola Asociación en Defensa da Ría e por Greenpeace.

O informe da avogacía entregado ao goberno central conclúe que a prórroga suporía que Ence superaría o prazo de 75 anos que a lei estabelece como máximo para a permanencia de calquera instalación en dominio público. Considera tamén que no caso de Ence non se xustifica a concesión de ningunha prórroga pois estas están limitadas por lei a entidades e empresas que pola súa natureza teñan que estar en terreos de dominio público.

Desde APDR denuncian unha campaña de “mentiras e chantaxes” coa que Ence pretende gañar apoio para a súa permanencia argumentando que o seu papel é “imprescindíbel” para a xeración de postos de traballo na comarca e que a súa marcha sería unha catástrofe para Galiza, que ficaría co seu monte abandonado pola imposibilidade de vender o eucalipto.

APDR denuncia unha campaña de “mentiras e chantaxes” coa que Ence pretende gañar apoio para a súa permanencia

Mais desde a APDR retrucan que os argumentos de Ence caen polo seu propio peso.  En primeiro lugar porque a economía da comarca de Pontevedra non xira en torno a pasteira, máis ben todo o contrario, xa que supón un freo na explotación racional dos sectores produtivos. “Lonxe de ser o motor da nosa economía, ENCE é o seu freo”, denuncian tamén desde APDR, xa que o complexo contaminante impide a explotación racional dos sectores produtivos da Ría, do turismo e do monte, que se atopa cuberto de eucaliptos, o que implica unha bomba para os incendios. Para desmontar Ence, a APDR tira tamén dos estudos de expertos como o profesor Enrique Valero da Facultade de Enxeñaría de Montes da Uvigo, impulsor da “Cátedra ENCE”, e que estipula que tan só un 50% do eucalipto que se corta na Galiza véndese a ENCE, e as familias que venden agora a esta empresa poderían seguir vendendo a madeira á fábrica de Ence-Navia e a Navigator-Aveiro. 

As comunidades de montes en man común teñen sinalado ENCE como o peor comprador de eucalipto

Ademais, as comunidades de montes en man común teñen sinalado ENCE como o peor comprador de eucalipto, xa que paga moito menos que outras empresas, polo que a súa desaparición non suporía un problema de gravidade para o sector.

 

Lores denuncia compra de vontades

“Houbo compra de vontades, investimento de moitísimos cartos, eles falan de 6 millóns de euros nos últimos anos...” afirmou Miguel Anxo Fernández Lores nunha entrevista a Sermos Galiza após gañar as eleccións municipais en Pontevedra o pasado 26 de maio. O alcalde do BNG denunciou a este medio a existencia de “moitísimo diñeiro para intentar mudar a opinión pública. Iso foi o que sempre nos dixeron, que a empresa prefería investir en mudar a opinión pública antes que en investir nun traslado. Pois xa está. Esa é a posición de Ence”. Así as cousas, o alcalde pon en valor que a única institución que enviou “mensaxes claras” a Ence foi o concello de Pontevedra dicíndolles “que é imposíbel que continúen producindo aí".

Lores denunciou a este medio a existencia de “moitísimo diñeiro para intentar mudar a opinión pública"

Nesa entrevista o alcalde nacionalista tamén sinala o lobby coma fundamental na suba do PP nas eleccións municipais (de 5 a 7 actas). “Estou plenamente convencido de que sen iso o PP non sacaba máis de 5 concelleiros”, afirmou.

No acordo de cogoberno entre BNG e PSdeG para o mandato municipal en Pontevedra 2019-2023 un dos compromisos fundamentais que adquiriron ambas formacións é o de manter unha política de oposición frontal á permanencia de Ence na ría de Pontevedra e “impulsar todas as medidas para conseguir o seu traslado".

Feixoo teima en defender Ence

Desde a Xunta de Galiza, o presidente Alberto Núñez Feixoo, posicionouse desde o primeiro momento en prol de Ence após o goberno central tomar a decisión de non defender a prórroga na causa aberta na Audiencia Nacional.

Feixoo comprometeu o goberno galego a “exercer as súas competencias” en defensa de Ence

Feixoo afeou o goberno de Pedro Sánchez ese cambio de criterio desde Madrid e comprometeu o goberno galego a “exercer as súas competencias” en defensa de Ence.

Un negocio de portas xiratorias

Ningunha persoa galega figura entre os 13 membros que xunto o secretario conforman o consello de administración de ENCE . Madrileños, vascos, navarros, andaluces e casteláns ocupan as cadeiras directivas, na súa práctica maioría homes procedentes das direccións de monopolios enerxéticos, bancos e o Partido Popular.

Desde abril de 2019 o presidente é o madrileño Ignacio de Colmenares Brunet, cunha carreira fraguada no sector siderúrxico e enerxético.

A ex ministra de Medio Ambiente con José María Aznar, Isabel Tocino, sempre impulsada por Manuel Fraga, atopou a súa porta xiratoria en Ence como conselleira da pasteira.

O madrileño Carlos del Álamo foi outro home de confianza do finado ex presidente galego e ex ministro franquista Manuel Fraga. Del Álamo foi director xeral de Montes e Medio Ambiente entre 1991 e 1996 e en 1997 foi nomeado por Fraga conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. Pasou a ser conselleiro coordenador de Ence após anos no cargo de conselleiro e presidente da comisión de notificacións e retribucións da pasteira. Segundo información pública –CNMV- cobrou de Ence no 2018 un total 104.000 euros (remuneración fixa 44.000 euros, dietas 22.000, por pertencente a comisións do Consello 35.000 euros e outros conceptos 3.000 euros).

O vasco Juan Luis Arregui Ciarsolo é o accionista maioritario de ENCE, foi o anterior presidente e actualmente é o presidente de honra. Ten un historial longo de creación de empresas en eidos como o forestal ou o vitivinícola. Foi vice-presidente de Iberdrola até 2010.

O navarro Javier Echenique Landiribar compatibiliza o posto de conselleiro en Ence co mesmo no Banco Sabadell, do que tamén foi vice-presidente, e coa membresía no consello delegado de Repsol.

José I. Comengue Sánchez-Real tivo cargos de responsabilidade no Banco Hispano_americano e na Mutua Madrileña antes de desembarcar na dirección da pasteira. Fixo fortuna coas embotelladoras de Coca-Cola na zona centro e do Levante. É un clásico da Bolsa española.

Víctor Urrutia Vallejo foi vice-presidente de Iberdrola e estaba no comité executivo de Vocento, grupo de medios de comunicación que edita, entre outros, ABC, El Diario Vasco. É presidente Compañía Vinícola del Norte de España, S.A. (CVNE). Onde posúe accións por valor de máis de 100 millón de euros. E está na comisión executiva de Coca-Cola en España.

No directorio da pasteira tamén está o sevillano José Guillermo Zubía Guinea, que estivo en Confebask e Fernando Abril-Martorell (segoviano) é presidente de Indra, unha multinacional centrada na consultoría, ademais de ser fillo dun dos fundadores da UCD.