Unha presentadora de TVE: ''Se Asunta acababa de ser asasinada aínda estaba brandiña''

A condutora do programa 'La Mañana', Mariló Montero, vulnerou practicamente todas as recomendacións dos códigos deontolóxicos ao entrevistar un dos homes que atopou o corpo da nena e lanzar especulacións sobre por que un dos brazos pasara de estar sobre o peito a estar estirado.


"Se di que primeiro tiña o brazo no peito e despois estirado puido ser pola costa, pola gravidade; se acababa de ser asasinada aínda estaba brandiña".

Son as palabras da presentadora dun programa que se emite na televisión pública española, 'La mañana', lanzando especulacións que explicasen a información facilitada pola persoa que achou o corpo da pequena en Teo: na súa declaración perante o xuíz dixo que o corpo mudara de posición nos tres minutos que se afastaron do lugar até que chamaron a Emerxencias.

Para alén de acender as redes sociais con esta intervención durante a tertulia e após entrevistar a testemuña que deu coa nena nunha pista forestal, Mariló  Montero converteuse no exemplo de vulneración das recomendacións que os colexios profesionais de xornalistas fan sobre o tratamento informativo que debe darse ás novas sobre menores e violencia.

Tomando como referencia os dez puntos achegados polo Observatorio galego de medios, nunha soa frase, esta traballadora dunha televisión pública conxugou o sensacionalismo, o amarelismo informativo, a información que non ten relevancia e só procura atraer a atención d@s espectador@s, as especulacións e a escolla de fontes que non son especializadas.

En conversa con Sermos Galiza, o decano do Colexio profesional de xornalistas da Galiza, Xosé Manuel Pereiro, reclamou unha lei que poña fin á "barra libre" que existe a día de hoxe no tratamento destas novas. Aliás, defendeu que programas como 'La Mañana', que polo xeral fan parte da grella de todas as televisións en horario de mañá, non poidan "comunicar" --"porque iso non é informar", remarcou Pereiro-- información ningunha referida a sucesos como a morte de Asunta Basterra.